ESCOITO falar nunha radio de Madrid do islam. Outra vez. Alguén di que esta relixión é machista e violenta e que isto está claro se un le o Corán (aínda que tamén admite que non o leu); outro di que non, que, en realidade, se un o interpreta correctamente, o Corán non di iso, senón que hai que ser misericordiosos e tratar a todo o mundo ben (tampouco o leu, seguramente; pero o Corán é un deses libros máxicos: non o ves en ningunha casa, pero todo o mundo fala del). Finalmente, imponse un acordo: sexa bo ou malo, o islam precisa inmediatamente dunha reforma («como a protestante», di un dos intervintes, católico). Esta transformación, conclúen todos, serviría para suprimir os «aspectos fundamentalistas e anticuados» que ten esta relixión. Como todo libro relixioso, o Corán contén mensaxes contradictorias, o que permite que cada quen o interprete segundo os seus desexos ou os seus prexuízos; pero o máis curioso é esa idea tan equivocada pero tan solidamente instalada aquí: a de que o fundamentalismo é unha pervivencia cando en realidade é algo moderno. Igual que os fundamentalismos cristiáns (os mormóns, os amish , os menonitas) e xudeus (os hashidim de tirabuzóns), o fundamentalismo islámico é unha ideoloxía recente e moderna que pretende restaurar un mundo que nunca existiu en realidade: o dos primeiros cristiáns, o dos antigos xudeus. Os fundamentalistas non coñecen a historia, imaxínana. Porque, na realidade, nin os primeiros cristiáns nin os antigos xudeus eran tan puros nin tan perfectos como eles os imaxinan. O mesmo sucede co fundamentalismo islámico. Gústanos a palabra reforma, pero o fundamentalismo islámico é precisamente iso: o movemento reformista no islam, é o islam tradicional o que é moderado, negociador, pragmático. Así mesmo, a Reforma de Lutero non fora unha reacción contra a opresión de Roma, senón precisamente contra a súa relaxación do dogma, contra o pragmatismo e a tolerancia (diga o que diga a lenda negra); en definitiva, contra o Renacemento (e non é casualidade que Lutero fose, el mesmo, músico e escritor, e que a súa reforma comezase coa prohibición das fermosas polifonías e da lingua latina). Pero mentres penso nisto, o asunto xa está resolto e os tertulianos xa están resolvendo outro: a cuestión do novo Estatuto para Cataluña.