SEMPRE HAI unha mosca que recorda o noso destino: a nada. Unha mosca de outono instalada nas esquinas do estío. Unha mosca que interrompe como un poema de Machado a siesta perenne na que vagamos. Hai moscas que non teñen labios, que non saben bicar, que pousan as súas patas de mosca por riba dunha fotografía de xornal que ti miras con lentes do que non foi, do que nunca pode ser: a cidade da cultura, ese espectro de sesenta mil millóns de pesetas. E ela, a conselleira, tan linda, e o presidente paseando con casco as obras da cidade da cultura: ese mausoleo inútil e provinciano. As moscas, como as pesetas, non existen. Son entelequias que dominan o teu contorno, que morden e mastican, que rascan, pero non acarician. Había moscas sen alas que os nenos psicópatas almacenaban en caixas de mistos, e moscas nun pastel de escaparate, e moscas que alentaban as madrugadas cando un bebía güisqui con boleros. Ás moscas cántolle exequias, un réquiem, a peor das elexías. Eu non amo as moscas. Porque non teñen ollos. Hei de amar as ruínas desta cidade da cultura que produce vertixe, ou náuseas. Amo as ruínas porque son o meu espello. Neste outono de moscas. Con ela, Ánxela B, paseando con casco as pirámides do faraón.