Organiza Galaxia unha exposición sobre o Merlín de Cunqueiro. E o columnista, que é un sentimental, emociónase porque o cincuentenario empeza a dar que falar neste cuarto centenario que temos ata nos discursos de Zapatero: He's my favourite man. Presumir de Nós, iso é o que fai Galaxia e iso é facer país. En tanto isto sucede, desculpen a incorrección, a nosa Conselleira de Cultura fotografíase coa flor e nata do balompé patrio: a selección galega de fútbol. Mentres a Administración Pepé se cruzaba de brazos, escoitando a Carmiña Burana, e a santa compaña cultureta «andaba a lo suyo»¿ Galaxia organizaba o cincuentenario do Merlín. Lección grande e silenciosa, da outra cultura: máis real, e próspera, e orgullosa de si mesma. O silencio que provocou ao longo destes nove meses o cincuentenario do Merlín é un síntoma do que somos: un país en progresión regresiva, lenta, amedrentada. Nin queremos, nin podemos. O instinto suicida prevalece porque nos falta a autoestima e sóbranos a pose, o complexo de inferioridade e as fotografías da Conselleira (á que tanto quero, ai) cos tres mosqueteros: Míchel, Fran, Otero. Só faltaba D'Artagnan. E Camacho. O das vodas do Quijote, evidentemente.