O PROFESOR que me deu Física en segundo de BUP só necesitaba xiz e pizarra para a súa clase. Só nos días de exame viña cun vello caderno amarelo do que ditaba os problemas que debiamos resolver. Xamais empregamos o libro de texto da asignatura, que quedaba, sen estrear, na casa. Non era o único. Conto esta anécdota porque ilustra como poucas a pouca sintonía que historicamente houbo entre mestres, manuais e alumnos. Moitos dos ensinantes renegaban do libro asignado, polo que era un gasto obrigado pero innecesario. Que na asignatura nunca se rematase o temario era outro clásico. Por motivos como estes deberiamos explicarnos a sorpresa e confusión do anuncio da gratuidade dos libros escolares. Dende esta falta evidente de sintonía só se explica que unha medida positiva para un ensino de calidade accesible a todos sexa tan polémica na súa aplicación. Idealmente, a gratuidade debería reconducir o investimento familiar cara a outros libros que fornezan aos cativos cunha biblioteca básica: clásicos, literatura e obras de referencia, para constituírse na base dunha colección máis ampla. Outro punto de reflexión son as bibliotecas escolares e as públicas, que merecen máis fondos dos que dispoñen na actualidade. Por tanto, a medida tería que converter aos pais en visitantes frecuentes das librerías, unha vez desapareza o que para moitos constitúe o único motivo que os leva a entrar nestes establecementos unha vez cada ano.