O LECTOR galego acostumouse ao longo de moitos anos a ler os clásicos universais en castelán, e vencer ese hábito non é cousa sinxela. As corenta obras que se van destribuír a través de La Voz de Galicia pode ser un bo camiño para conseguilo. Desa lista paréceme un acerto que haxa un só libro castelán: Don Quijote. Esa tradución ten un valor testemuñal porque toda lingua de cultura debe contar cunha tradución do Quijote -e de Fausto, e de Romeo e Xulieta ...-. E porque entre corenta libros tiña que haber un orixinal castelán e esa é a obra indiscutible en calquera lista. Traducir outros clásicos casteláns paréceme labor inútil, porque todo galego lector de obras clásicas pode lelas no idioma orixinal, e xa saben aquel vello dito de «traductore, tradittore». Os que estean afeitos a ler a Shakespeare ou a Proust no seu idioma sentirán una inevitable estrañeza e ata certa incomodidade oíndo falar a Romeo ou ao señor Swan en galego. Lémbrome dunha amiga miña americana, residente en New York, que fala un castelán perfecto. Un día en Madrid estabamos na casa vendo pola televisión Espartaco e ela removíase inqueda no asento. Pregunteille se lle molestaba algo ou se aburría e contestoume desolada: «Non me afago a oír falar a Kirk Douglas en castelán». Algo así pode que lles pase aos que habitualmente len aos cásicos no idioma orixinal, pero son moi poucos. A maioría de nós, non só non podemos ler a Dostoievski, a Platón ou a Goethe na súa lingua senón que, mesmo os clásicos ingleses e franceses, moito máis accesibles, lémolos por comodidade en castelán. E ese é o mal hábito que esta colección pode axudar a vencer, dando facilidades para achegarse aos clásicos traducidos ao galego. Unha boa presentación, un precio accesible e a comodidade de mercalo no quisoco poden conseguir que, despois de ler corenta obras, nos pareza normal que Frankestein, a Dama das Camelias, Robinson Crusoe ou o Principiño falen na lingua de Rosalía e de Castelao. Oxalá sexa así.