VEXO O voso cerebro camiñar, como un río, entre as consellerías deste país novo. Enrólome na vosa flota, como un capitán pirata sen princesa, un cíclope, un tifón que sopra versos de amor. Alégrame mirarvos con risa natural no suplemento dominical de La Voz. Alégrame que este país matriarcal por fin teña tantas conselleiras como conselleiros. Este país de nais, de viúvas de mar, de avoas con cartas tristes de Buenos Aires, de mulleres coraxe, por fin se representa a si mesmo nun goberno paritario. Talvez no futuro sexan máis mulleres que homes. Oxalá. Son un feminista tan convencido como escéptico. As mulleres son o rostro real de Galicia. Son as que marisquean, as que petaron no Pazo Bayón a golpes de dignidade, as mulleres labregas, as que enchen as universidades con rigor e intelixencia. Ámovos rotundamente. E entre todas, a unha. A conselleira evanescente, lírica, pendular. Persigo a súa sombra como un paxaro melancólico. Gústame observar o seu sorriso tímido, tenue, de bolboreta. Escribirei dela algún día. Agora prefiro escribir de todas. Con vivas, con aleluias. Mulleres no poder galego. Tanto tempo agardando outra realidade. Por fin. Conselleiras: no voso colo crece como un neno... o futuro.