A vía galega

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

CO NOVO Goberno de Touriño e Quintana seguramente non haberá un problema galego en España, pero si haberá unha vía galega para a articulación dun Estado plurinacional e plurilingüístico. Unha vía nova e propia que de entrada permitirá que Galiza se faga visibel no Estado. Esculcando qué une e qué separa a ambos os dous socios, se nos centramos na letra do acordo de goberno e nas declaracións habidas ata o momento, pódese albiscar o agromar desta vía. A idea, que deriva da propia lóxica da coalición e da actual situación española, foi mencionada por Quintana e recollida por Touriño como sinal de identidade da coalición. Porén non nace esta vía das propostas programáticas socialistas senón da necesidade dun acordo entre BNG e PSOE para conformar o Goberno. Nunhas primeiras declaracións Quintana formulara catro puntos básicos para o acordo. A rexeneración democrática coa extirpación do clientelismo e da cultura da subvención, así como a promoción da economía endóxena, eran cómodos puntos de encontro cos socialistas. A consecución dun Estatuto de nación e o pago da débeda histórica presentáronse axiña como elementos de fricción. Galiza xa foi recoñecida como nacionalidade na Constitución e, diante das reformas en marcha, o nacionalismo galego aspira a revalidar ese estatus, consciente de que a práctica dun goberno no que ten un peso importante fará o resto. A reclamación de que o Estado sufrague a débeda histórica cun territorio que sofre por decisións políticas en materia de infraestructuras os rigores da insularidade -sen beneficiarse das súas ventaxas-, porá a proba as lealtades e o galeguismo de Touriño. Unida fisicamente a Portugal, Galiza está separada (protexida) da Meseta por unhas serras orientais que constituiron sempre unha desculpa orográfica e unida polo Cantábrico a unha Europa á que non pode chegar por AVE nin por autovía. A débeda tamén é tanxibel no financiamento, no emprego, despois de sucesivas reconversións industriais, agropecuarias e pesqueiras ou en I+D+I. A vía galega está inédita porque nunca tivo ocasión de se concretar. Porque nunca gobernara o nacionalismo. Galiza farase visibel cun Goberno de nacionalistas e socialistas, mais compre ter en conta que a invisibilidade do país non é só problema de España, senón tamén dos habitantes deste vello e arrecunchado reino peninsular que no século XII paríu dous reinos con futuro: o Portugal de Afonso Henriques e a monarquía hispánica de seu curmán, o Imperator Hispaniae Afonso (VII) Reimúndez. Daquela iniciou a súa demorada difuminación, unha estratexia propia de fisterras campesiñas nas que ao final dun longo túnel histórico triunfaron os labregos sobre os señores. Cómprenos lembrar que neste país máis de dous tercios dos seus 2.700.000 habitantes son propietarios de fincas rústicas. Se como decía D. Karl, a propiedade é un roubo, tal reparto da vella riqueza territorial non se logra con visibilidade. Por iso este foi un país que quixo pasar desapercibido no Bosque animado, de Fernández Flórez ou na Saga-Fuga, de Torrente. Algo está mudando. Os galegos parecen dispostos a facerse visibles. Como sempre ao seu propio xeito. ¡E logo!