BLAIR pensa que con medidas de emerxencia ten resoltos os desafíos do terrorismo. E non vai parar ata meterse por atallos que ou non levan a ningures ou van a verdadeiros abismos. Están avisándoo de todo o mundo. Pero, como bo crente, ten fe, e a súa fe levarao a esquecerse das orixes do terror e dos medios para acabar con el. Algunhas das medidas que quixera impoñer prexudicarán aos británicos e beneficiarán aos islamitas residentes, que se van radicalizar, e van ter máis oportunidades para o recrutamento de novos terroristas. Tamén diso o están avisando unha e outra vez. Dá a impresión de que Blair está perdendo os nervios por máis que aparente frialdade. E non ve que o equilibrio entre normalidade e seguridade democráticas, máis ca medidas de emerxencia, esixe máis e mellores requirimentos á policía, máis colaboración internacional, máis e mellor información. Certo que non é fácil, pero si que é indispensable. O que el pretende é recuar xusto nos mellores valores nosos.