XOSÉ CARLOS CANEIRO
27 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A MÁIS de mil quilómetros do Atlántico, corazón, as ondas cantan boleros. Es la historia de un amor como no hay otro igual, recita un crooner que non se parece a Frank Sinatra. Con el comparto White Label e melancolía. É un perdedor que viste de negro. Un triste con voz tenue cando o bolero se torna castigador: que le dio luz a mi vida apagándola después. Vagamos pola noite do Mediterráneo embarcados en güisqui. Aquí non hai gatos. Hai buffet por todas partes. España é un buffet xigante onde picas de todo, e de nada: como a vida. O crooner non coñece o país. Pero sabe que Fraga xa non é presidente e brinda comigo, medio borrachos, medio mortos de alegría. O crooner tiña un pai republicano que sabía a Internacional. El cántaa para min levantando a copa. Dígolle que boto de menos Galicia. Non é unha patria, nin unha bandeira: é un estado de ánimo. Que le dá luz a mi vida, dígolle nun español con acento pacovázquez. O crooner mais eu temos en común o White Label e a tristeza. Por último, despois da Internacional, cántame aquela de Noel Soto: a más de mil kilómetros estoy pensando en ti. Di que os galegos levamos a nostalxia colgada dos dedos. Como se fose chuvia. Como boleros: es la historia de un amor¿