O Himno con acordeón

| LOURENZO F. PRIETO |

OPINIÓN

QUINTANA presentou na Quintana o programa actual do nacionalismo galego no poder, nun discurso que tivo como principal novidade o seu asombroso parecido ao que fixera no CGAC díante de Touriño na sinatura das bases programáticas do novo Goberno. A semellanza entre o discurso do 23 e o do 25 parece expresar a vontade de presentarse diante da sociedade igual que diante da organización do nacionalismo. Esta aparente unificación do discurso apunta á renuncia a un posibel programa oculto que a sociedade non estaría aínda preparada para asumir. Pola contra, o discurso de Quintana da a entender que o contrato coa sociedade que anunciou o sábado é tamén o contrato co BNG que presentou o luns. O nacionalismo no Goberno da Xunta está obrigado a reinventarse para facer o que nunca fixo aínda: rexir unha parte dos destinos da sociedade galega. Para iso é importante a unidade do discurso, agora que os electores poderán apreciar de verdade en que se concreta. Superar a eterna tentación do doble discurso non ten porque significar deixar de aspirar ás máximas cotas de autogoberno, nin siquera á gozosa utopía, senón evitar a confusión do discurso oculto para consumo interno ou a do discurso imposibel para fracaso externo. Como lle pasara por certo ao PC francés cando o primeiro goberno conxunto da esquerda con Miterrand. Lembranza e Estatuto foron os eixos da presentación do vicepresidente Quintana neste primeiro Día da Patria da nova xeira. Lembranza para os que fixeron posibel a chegada do nacionalismo ao Goberno, do primeiro alcalde nacionalista da Coruña, Domingos Merino ao combatente republicano Elixio Villaverde. Non mencionou a niguén pero todos pensaban nos Beiras, Bautistas e Camilos que na praza estaban. As mencións ao novo Estatuto de nación como instrumento de autogoberno viñeron evidenciar, naquel contexto e naquela praza, a reconciliación do nacionalismo galego coa súa traxectoria histórica e a fin dunha confusión que xa durara demasiados anos. A evolución do nacionalismo galego do últimos 30 anos séguese á perfección da man dos 25 de xullo. Non son os oradores, os escenarios, os partidos, os discursos ou os símbolos, senón o ritmo, o que millor reflicte o paso do tempo. Houbo un en que o himno cantábase a pelo, despois incorporáronse as gaitas e por cabo o acordeón, que coa palleta e o fol completaron harmoniosamente os das gaitas e déronlle un ritmo case bailabel que nunca tivera aquel frío himno dos vellos tempos.