ILLA DE Ons, senlleira en luminoso día de verán. Xúntase no faro a sección de Ciencia, Técnica e Sociedade do Consello da Cultura Galega e fanse comentarios fóra de acta sobre unha sociedade tecnificada que, sen embargo, non acaba de aceptar a necesidade innovar para sobrevivir. España loce aínda o estandarte de «Que inventen ellos». En Galicia aínda se estudia para administrar o que outros inventan. Cómpre, pois, tentar algo diferente. Se cadra alguén -como unha sección do Consello, tan independente, da Cultura Galega- vai ter que marcar camiños baseados na experiencia. Cómpre, de calquera xeito, pregoar, facer misión... Península da Cabana, a ollar a Ferrolterra marítima en día de gris recalmón estival. Polo outrora emblemático Centro de Innovación e Servicios de Galicia vagan as memorias dos que a tal institución entregaron un anaco de vida. Aínda ecoan por corredores e escritorios baleiros as conversas de mulleres e homes que alá traballaron con afinco. Ese centro fixo dez anos sen que ninguén llos celebrase desde a Administración que o fundou. Só lembraron o seu aniversario uns poucos que seguen a crer na necesidade de inventar, de vixiar e de transferir o coñecemento. Entre eles volveuse falar da misión. Contáronse anécdotas de viaxes, de contactos coa xente que polo mundo ensina a innovar. Xurdiron as cualificacións dos misioneiros. Eses promotores tecnolóxicos existen mesmo nos países máis adiantados. Sen saír da Europa, desde a Noruega á Grecia vanlles taducindo os nomes ao inglés: « technology brokers » é a acepción na lingua franca da técnica. Á fin das contas, misioneiros: idea que medraba en Ferrol e que en Santiago non gustaba a «os da Fundación» da que depende o centro. -«E Galicia quedou sen misión», conclúe un celebrante do triste aniversario. -«Pero non porque o Yuste e axudantes ignoren o inglés», apostila quen peor leva o acontecido. -«Tempos virán», consola o máis paciente. «Tempos de moita misión e pouca fundación».