ERA unha piscina. A piscina estaba perto do mar da alegría. A súa toalla tiña escrita no borde un verso dun autor fracasado: White Label, Scotch Whisky. El non era White Label, pero quería escribir un verso na toalla daquela muller ondulante. E escribiu, cos ollos: sabía que me amabas antes de amarme. Sentiuse un home de talento e no bar, como un campeón, iniciou unha conversa co seu amigo White, White Label. Era o eterno monólogo da melancolía: un perdedor en camisón de soidade. Certo, estaba só. A verdade é que nunca deixou de estalo. Acompañouno Perico algunha vez e Induráin cinco anos seguidos. Agora un galego de Mos levantoulle a alma. Chamábase Pereiro. Non ganou o Tour, pero si a súa alma: ese único lugar onde o éxito é posible. O Tour, con aquel americano frío e georgebush, xa non é o que era (lembraba a caída de Beloki e a Armstrong, impertérrito). Despois de falar con White, rematada a etapa, regresou á piscina. Ela non estaba. En verdade, non ía esperar por el toda a vida. Preguntou. Marchara cun tipo guapísimo, dous metros, triunfador. Menos mal que quedaba Pereiro. Tal vez en 2006 ganaría en París. Aínda que el, idiota, só buscaría unha toalla. Alá¿ perto do mar. Da alegría, corazón. Da alegría.