A LEI que regula os matrimonios homosexuais está provocando reaccions que paga a pena analizar. A actitude da Igrexa pódese explicar por un ancestral inmovilismo que a levou durante séculos a poñerse en contra de toda innovación científica ou de pensamento. Dentro de quinientos anos pedirá perdón pola marxinación á que someteu a unha parte da humanidade. Lémbrese o caso de Galileo, de Miguel Servet e de tantos outros. O peso da tradición é a súa forza e tamén a súa miseria. A actitude do Partido Popular parece unha cuestión política máis que de crenzas. Os partidos que están na oposición consideran que deben votar en contra do partido do Goberno. O PP negouse a conceder liberdade de voto ós seus diputados porque temía que a moitos deles votarían a favor da lei. A actitude máis incomprensible é a daqueles que se manifestan contra a lei dicindo que defenden a familia. Penso que o fundamental nunha familia é o agarimo entre os seus membros, o coidado duns aos outros. E que o perigo está na violencia, o maltrato de nenos e mulleres, o abandono dos vellos. O matrimonio homosexual non pon en perigo a familia, senón que contribue a afianzar unha institución que hoxe non goza de boa saúde. De feito, para moitos o problema está só no nome: chamándolle «unión» todo está resolto. O que pretenden é seguir mantendo a diferencia, non mezclarse, que haxa un contrato de primeira categoría entre home e muller e un de segunda para gais. No fondo desas actitudes eu vexo desprezo, sentimentos de superioridade sobre o que non é coma eles, e un desexo de facer patente esa diferencia. E pode haber tamén aspectos máis oscuros. En psicoloxía aplícase un test que mide as tendencias homosexuais polo grado de rexeitamento que inspiran fotos de homosexuais. A máis aversión, tendencias máis fortes. Pode que, no fondo máis fondo, haxa medo. Medo a asumir que os lindes entre homo e heterosexualidade non son precisos. Medo a non ser nin superiores nin, quizá, diferentes.