CHEGA ao poder unha nova xeración. Á espera de que se concreten os pactos da política, un novo tempo se anuncia no Goberno de Galicia. En realidade son case dous grupos xeracionais os que conflúen nesta hora, representados por Emilio Pérez Touriño, formado nas loitas universitarias da Compostela do 68 e no Vigo-Ferrol do 72, e por Anxo Quintana, dez anos máis novo, que se incorpora á vida política a través do movemento sociocultural que animou o nacionalismo galego contra finais da década dos 70 e nos primeiros anos 80. Debo dicir que é a nosa xeración (a miña). A xeración da esquerda democrática, o galeguismo e o antifranquismo. Manuel Fraga ten a idade que había ter agora o meu pai. A súa xeración (o grupo xeracional que representa) foi o que fixo a transición dende o franquismo á democracia, participando activamente mesmo nos dous modelos políticos. Non é un xuizo de valor, moito menos unha cualificación moral; é unha descrición da realidade. Tamén niso reside o seu mérito, que o actual presidente en funcións ten recoñecido máis dunha vez, dende aquela etapa primeira dos Sete Magníficos (Silva Muñoz, Fernández de la Mora, Martínez Esteruelas...) á transición no Partido Popular (que primeiro foi Coalición Democrática e logo Alianza Popular), incluída a asunción dos principios do Estado das Autonomías, un proceso que moitos observadores e analistas teñen definido como a «civilización da dereita» e que, dito doutro xeito, significou a incorporación dos sectores máis duros do anterior réxime ao modelo democrático no marco da Constitución de 1978, da que Manuel Fraga Iribarne foi un dos seus redactores. Cérrase, pois, un ciclo histórico que en certa maneira é tamén un ciclo xeracional e biolóxico. Moitos hábitos de facer política en Galicia seguen pegados ás vellas formas do proteccionismo autoritario, herdeiras tanto do franquismo como de modelos anteriores propios do ruralismo ou do clientelismo pre-moderno: o pai acolle e protexe aos fillos, premia e castiga, distribúe a riqueza da casa (cando a hai) e determina as herdanzas e as sucesións. A pervivencia ou continuidade da dereita galega que o PP representa fundaméntase nestas prácticas. Non exclusivamente, pero si principalmente. Tamén aquí reside a súa principal debilidade. O mundo (a sociedade) cambia. A Galicia moderna ha de fundamentarse na capacidade das súas institucións para activar a sociedade civil na xestión democrática (e dialéctica) dos propios recursos. Un tempo novo está a petar na porta. O grande activo da nova xeración son os seus ideais (a súa ansia histórica por construir unha sociedade democrática, activa, renovada), e os seus coñecementos: nunca dispuxemos duns equipos tan formados, tan viaxados, tan amplos e homologables con calquera modelo europeo. O noso principal defecto non é a inexperiencia, que a xestión noutros ámbitos da administración ou da responsabilidade pública e privada ten superado dabondo. O noso principal defecto é a tendencia (tamén histórica) á teorización, a nosa afección ás veces desmedida á radicalidade retórica. Controlemos os discursos e apliquémonos á realización práctica de programas e principios. Expliquémosllo á xente con claridade, para que nos entenda. Avancemos co país sen despegarnos do país. Paso a paso é como se sube a escaleira. E que o vento sople nas velas.