HAI agora algo máis dun ano que alguén puxo á venda unha medalla que pertenceu a Emmeline Pankhurst, unha das caras visibles do movemento sufraxista. Fornecidas por mulleres que reivindicaron (e conseguiron) o dereito a votar para o seu xénero, as sufraxistas tamén difundiron a protesta tal e como a coñecemos hoxe, folgas de fame e encarceramentos incluídos. A medalla testemuña aqueles sacrificios individuais na conquista dun dereito colectivo, co que se sentaron as bases dunha sociedade igualitaria. A medalla tamén lembra que o que agora nos parece xusto -aínda que a práctica na realidade é outra- non hai moito era considerado unha tolemia. Quizais dentro duns anos poidamos pensar o mesmo, por exemplo, dos homosexuais que reivindican a plenitude da súa dignidade, e preguntarnos estrañados por que se tardou tanto en aceptar o que era obvio. Sería grato pero inxenuo imaxinar tamén para este hipotético futuro que os concertos Live 8 foron determinantes na erradicación da pobreza: cada vez está máis demostrada a capacidade do sistema en absorber os elementos perigosos e, neste caso, convertelos en espectáculo. Por iso non está de máis invocar a raíz da palabra sufraxista e lembrar que os dereitos se acadan efectivamente coa lei. Dúas consideracións finais: «A rebelión contra os tiranos é obediencia a Deus». Era a frase favorita de Pankhurst. A outra é que me gustaría saber canto se pagou pola súa medalla.