A SEÑORA Asunción, a de Mamasunción , ía todos os días a Correos preguntar se lle chegara carta de América, onde tiña un fillo. Este era o argumento daquela curtametraxe que dera a coñecer ó malogrado Chano Piñeiro (a quen, por certo, nunca entenderei por que Galicia maltratou retirando o seu nome dos premios que agora se chaman Mestre Mateo, home de talento tamén este último, pero bastante menos relacionado co audiovisual que Chano). A señora Asunción, digo, esperaba unha carta de América que non lle chegaba. O que lle chegaba un día eran cartos, que ela queimaba, nunha exaltación dos sentimentos por encima do diñeiro que era no fondo máis punk que labrega. Por suposto, a historia desenvolvíase no pasado. Hoxe non chegan moitos cartos de América. Aquel personaxe mítico, o indiano , é unha figura que xa só existe nos debuxos de Castelao. Castelao, a quen non lle gustaban demasiado os indianos (aínda que acabou, en certo modo, sendo un deles) deixou definida para sempre a súa tipoloxía cos seus trazos claros e curvos: o puro na boca, e traxe e sombreiro brancos, un pouco no estilo de Beiras. Non, hoxe non chegan cartos de América, porque agora os «tíos de América», ironicamente, somos nós, e son os galegos de América quen teñen que volver a Galicia para facer as Américas. Non chegan nin cartos nin cartas, e se a señora Asunción recibise agora unha do seu fillo americano traería seguramente un carné de identidade e unha papeleta electoral. Porque o único que lles queda ós vellos emigrantes a América, ós que tiveron a mala fortuna de estar dúas veces na mesma vida no hemisferio equivocado, é iso: o voto. É unha última faena que lles fai Galicia, porque ese voto xa só vai servir para que se metan con eles. Eles, que cren estar mostrando gratitude, nostalxia e amor á terra, non imaxinan as suspicacias e os conflictos que suscitarán os seus votos entre os galegos de aquí, do partido que sexan. Se eses votos fan variar o resultado, o que se lles ven encima. Non son eu quen para dicir quen ten dereito a votar, e ese é un asunto que haberá que mirar seriamente unha vez pasen estas eleccións; pero si teño a impresión de que en vez dunha papeleta de voto, moitos deses homes e mulleres que xa só viven para lembrar, houbesen preferido meter no sobre, precisamente, unha carta en vez dun voto.