ESTE ARTIGO ía titularse O voto dos anarquistas . Pretendía explicar como a experiencia histórica demostra que só se todos os que non votan habitualmente o fan podería materializarse o cambio político na Galiza. Dous indicios mudáronme o artigo. Un cualitativo e impresionista, pois case todos os anarquistas que conozo asegúranme que van votar. Outro cuantitativo e basado en datos, pois os inquéritos coinciden en que haberá unha grande mobilización electoral o próximo día 19 que, agás sorpesas, pode dar o triunfo ao BNG e ao PSOE. Cando falo do voto dos anarquistas , non me refiro só aos herdeiros directos daquela tradición anarcosindicalista que desapareceu na longa noite de pedra, senón tamén aos seus muitos herdeiros indirectos. A esa forma hipercrítica de aproximarse ou alonxarse da política que é máis doada de atopar na esquerda que na dereita. Nos tempos da transición creouse un mito que, como tantos outros, a realidade desmentíu: que a esquerda votaba militantemente e a dereita era máis abstencionista. Un tópico tan absurdo como o de que Galiza está mui atrasada. Un deses mitos que impeden ver a realidade e, polo tanto, mudala. Non xaora, na esquerda son muitos os que deixan de votar -éche o que ten o espírito crítico!- porque non concordan co programa, co candidato, coa traxectoria, coa praxe ou coa idiosincrasia. De cote as razóns están ben fundamentadas, mais o resultado desas retesías tamén. Eses anarquistas son os que determinan tradicionalmente as maiorías de mudanza. De abril de 1931 a marzo do 2004 foron eles quen inclinaron democraticamente a balanza. A condición para arrincalos da abstención é que os partidos sexan quen de erguer abondo entusiasmo ou que a dereita sexa quen de concitar abonda oposición. Nesta campaña parece estar ocorrendo. O medo que mete a dereita parece unha broma pesada e a esperanza que apunta a oposición parece calar. Á espera do que digan as urnas, nosas señoras, as sondaxes amosan unha tendencia consolidada e firme de mudanza que non parece que vaia remitir. O voto oculto é pequeno e a porcentaxe máis importante de votantes dubidosos está no BNG, e non semellan tranvasabeis ao PP e, en menor medida, no PSOE, que tampouco. Estamos a piques de inaugurar unha nova etapa e o único que parece xogarse aínda é o tipo de cambio que haberá no país. O PP adiantou as eleccións contando cunha única esperanza: que as desavinzas no BNG actuasen como factor limitante das posibilidades da oposición. Na recta final da campaña semella que os estrategas erraron. Ademais, salvo pintorescas excepcións, PSOE e BNG non se agreden, nin pretenden buscar votos no celeiro do PP con propostas desas que ninguén cumple millor que o mesmo PP. Pola contra, insisten en propoñer un país novo e moverse por un cambio real, tranquilo e galego. Se non hai sorpresas, lograrán que os anarquistas, que só se moven se a garantía de cambio é real, vaian votar. Se isto fose así, quedarían por decidir os matices e a profundidade do cambio -ademais de conxurar as aventuras vázquez-cuiñistas-, en función da proporción de apoios que reciban Quintana e Touriño.