IN ILLO tempore (anos 60 do século XX) o televisor veu mostrar a España un mundo de imaxes en branco e negro. Era a única visión, a mellor por falta de competencia. Despois (anos 70) xurdiu unha nova canle, e a pantalla encheuse de cores. Pero a visión seguía a ser nacional , única. Coa democracia imparable (anos 80) naceron as televisións autonómicas , España deixou de ser observada só desde Prado del Rey e os galegos de Tui viron que existían os de Ribadeo. Daquela chegou a paréntese, porque a técnica dubidaba. Tentouse o sistema de alta definición e fracasou, pois o ollo non é tan esixente. E naceu unha norma de televisión dixital pagable , que iría entrando nos servizos de difusión vía satélite. Ata que (principios do século XXI) comezou a tomar forma a idea da televisión dixital terrestre. Hoxe é unha realidade tecnolóxica, en toda a cadea que vai desde as fontes á producción e á difusión. Todo está ordenado: só falta comezar a producir e transmitir. A recepción vai ser de calidade como nunca pensada, na casa e -din os predictores- nos aparellos móbiles que cadaquén leve, personalizados, consigo. A nova televisión -a dixital- asegura a calidade porque os sinais que transmite pódense rexenerar (en canto os analóxicos só se poden amplificar, con todas as súas distorsións); pero tamén engade servizos auxiliares que a televisión analóxica deixaba limitados apenas ao teletexto. Con todo, o principal da televisión próxima é que abre ámbitos de liberdade nunca imaxinados: o progreso tecnolóxico permite existir máis de 1.600 emisoras en toda España, e case 90 delas en Galicia. Velaí, logo, a responsabilidade dos administradores que han de adxudicar as licenzas das novas empresas de televisión: España non debe ser colonizada por intereses televisivos estranxeiros, nin Galicia debería ser dominada por negocios -aínda que legais- foráneos. Co novo século, nova televisión. Máis calidade e máis país... Oxalá que prevaleza o sentidiño.