escribiu Dylan Thomas, a quen onte oín cualificar de «irlandés» na Ser (en realidade era bastante galés). «E a morte non terá ningún poder» é a traducción aproximada do verso. Evidentemente, Thomas non se refería a Galicia porque, como demostraba o martes La Voz , aínda que sería esaxerado dicir que aquí manda a morte, si que polo menos ten voz e voto. Sobre todo voto, como o de dona Hermesinda Dapida Feijoo, que logrou exercer o seu dereito de sufraxio o luns en Buenos Aires non obstante ter falecido o ano anterior. Nada raro aquí. Se acaso, o único estraño é que Dona Hermesinda votou en blanco, o que é infrecuente na socioloxía electoral do defunto galego. Todos sabemos que o Alén é maioritariamente do PPdeG. Nun artigo recente ocupabamonos da cuestión de por qué, segundo as estatísticas, a maior parte dos bebés nacen do Bloque. Tamén estaría ben reflectir sobre por que hai tan poucos defuntos na oposición. Diríase que o defunto é conservador por natureza, polo menos o defunto que vota. Comprensiblemente, á oposición non lle fai ningunha gracia esta bolsa de votos que ten Fraga na ultratumba. Dicían os antigos que a morte era «a grande igualadora» pero no caso das eleccións galegas máis ben parece que podería ser a que rompese o empate técnico entre titular e aspirantes. Pode chegar a pasar o que pasou, por exemplo, no Estado de Novo México durante as eleccións presidenciais americanas, onde todo se dirimiu por 6.000 votos para saberse logo que polo menos 5.000 foran de falecidos. Fraga, pensan os seus adversarios, podería volver ao poder así, como Aragorn en O señor dos aneis , á fronte dun exército de defuntos. Moitos, e non só na oposición, pensan que isto non pode ser, pero non se ve clara a solución. Se non se lle pode quitar o voto ao bisneto dun paraugueiro de Ourense que vive e traballa en Uruguai, dificilmente se lle vai poder quitar ao paraugueiro mesmo, aínda que estea afiando no Purgatorio. Ocórreseme que, se acaso, se podería remediar a inxustiza ao revés, ampliando o censo para que poidan votar todos os defuntos, e non só algúns, como sucede agora; e ver o que sae. Se cadra levabámonos algunha sorpresa. Porque antes dixemos que o defunto é conservador, pero tamén é certo que desde aí arriba vese todo. Ou iso, ou botarlle un ollo aos censos e amañalos un pouco, claro.