Lembro unha cita da película «Nom ou a vâ gloria de mandar», de Manuel de Oliveira. «Terrivel palavra é um nom». E se son dous Non, seguidos, peor. Nin Francia nin Holanda tragan coa Constitución. En Holanda arrasaron. Leo a noticia mentres escribo. E creo que non me importa Europa. Creo, case, que non me importa a Galicia empapelada que espertará mañá envolta en vótame, vótame. A esta hora impórtanme outras cousas. Son simples. Teñen que ver cos sentimentos. Ás veces creo que un debera escribir crónica sentimental, en rosa. Os amores separados, as navallas da tristeza, o meu can (Flint) que corre pola herba, os poemas que xa non leo, os que non podo escribir. Esta é unha columna de Non, como en Holanda. Non quero que a política dirixa a miña vida, quero pensar libre, quero ser libre, quero correr como Flint por riba da herba. Quero morrer de risa, emborracharme de abrazos, vivir de copa en copa. E non chorar. Quero non chorar. E que non chova. E que este sol bañe unha parte de min. Dentro. Onde din que perduran os bicos máis que as lágrimas. Porque chegou san Xoán e hai un libro que se titula Tres junios que non vou ler nunca. Porque Holanda grita Non e a min, indolente, nada me importa. Nada.