HAI ALGÚNS anos realicei unha viaxe polo sur de Italia. A viaxe, dependente dun organismo europeo, incluía algunhas entrevistas con alcaldes das localidades da zona. Logo de innumerables anos de democracia cristiana, a esquerda, agrupada no Olivo, gañara as eleccións municipais. As entrevistas cos alcaldes impresionáronme. Sen excepción, transmitían a paixón, a vitalidade e a enerxía de quen leva anos soñando con gobernar e, por fin, ve cumprido o seu soño. Das palabras e xestos dos alcaldes agromaba unha enorme ilusión e unhas inmensas ganas de traballar ao servizo daquela cidadanía. Eran, na súa maioría, xente nova e levaban o futuro debuxado na sinceridade da mirada. Agora, por primeira vez, en Galicia ábrese no horizonte a posibilidade dun cambio político. Ábrese a posibilidade de que a cidadanía impulse unha nova etapa, unha época distinta, que rexuveneza o futuro. Porque, á marxe de que actúe mal ou ben, de que teña acertos e desacertos, ningún goberno pode resistir quince anos no poder sen esgotarse, sen viciarse, sen aletargase, sen anquilosarse nas ideas, nas propostas e nos comportamentos. E iso é o que lle sucede hoxe a esta Galicia que engade ao seu haber o feito de ser un dos pobos máis envellecidos de Europa. Hoxe, cando atisbo o horizonte, aquela Italia renovada vólveme á memoria para revelarme que a morte máis dolorosa é a da ilusión e que de seu un cambio político crea mudanzas nas dinámicas, que ademais poden xurdir preñadas de anovadoras propostas, que saiban aproveitar o rico tecido social desta Galicia que hoxe bocexa, somnolenta. E é que ás veces un ten a impresión de que durante todos estes últimos anos, Galicia, coma se estivese a xogar á pita cega, apenas avanzou en materias tan importantes como as novas tecnoloxías, a economía, as perspectivas laborais, a sanidade, a política cultural, o ensino, a ecoloxía, a demografía. A mocidade xa non se recoñece no país porque non dá atopado un espello á medida das súas demandas. E ás veces un ten a impresión de que a dereita na que Galicia está encallada (coma tantos petroleiros nas nosas costas) permanece irreversiblemente enferma.