O voto dos emigrantes

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

O MEU TÍO Antonio marchou para Venezuela a principios dos anos 50 e xa nunca volveu. Morreu dun infarto, disque presenciando un partido de fútbol. Alá teño unha prima á que non coñezo e que nunca pisou Galicia, pero que, segundo me contan agora, ten dereito a voto e está inscrita niso que chaman Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA), que son nestes momentos máis de 300.000, e que están a ser chamados tamén ás urnas do próximo 19 de xuño. No ano 1990 había 45.291 residentes ausentes inscritos. Dende entón, o censo non parou de medrar. O Ministerio de Exteriores fixo unha limpeza a principios deste ano, polo aquel de eliminar difuntos que figuraban vivos, e baixouno de 307.167 persoas censadas a 304.660. Disque na Arxentina é onde máis peneira fixeron. Votan nas eleccións xerais, votan nas eleccións municipais e votan nas eleccións autonómicas. Non hai máis que ver o movemento seguido de alcaldes, deputados, parlamentarios e políticos, todo o tempo de acá para alá, indo e volvendo por riba do océano. Supoño que á miña prima tamén a invitarán a votar. E pregúntome, ¿realmente saben o que están votando? ¿Coñecen verdadeiramente a realidade sobre a que van actuar (e condicionar)? ¿Podemos pensar nun voto útil, eficaz, baseándonos nese censo de electores que apenas visitaron nunca o país, nin o seu concello, e que determinan alcaldes, concelleiros, deputados, programas de administración e goberno de realidades nas que non viven e, por tanto, nin padecen nin disfrutan, se non ocasionalmente, cando as visitas dos políticos que lles solicitan o voto? ¿Debo aceptar que o meu alcalde dependa realmente dese voto? ¿Con que coñecemento, repito?¿Con que garantías??As últimas denuncias son preocupantes. Non é a primeira vez que se fala disto no Parlamento. Seica mesmo existen prácticas de compra descarada deses votos, organizacións que se dedican a iso: un puñado de dólares (ou de euros, en Europa) e volven coa saca chea. O próximo día 19 de xuño un ou dous deputados do Parlamento Galego poden depender disto, o que equivale a dicir, tal e como están as cousas, que poden decidir nada menos que o futuro goberno de Galicia. O tema do voto emigrante debe ser revisado. Se hai que cambiar a lei electoral, cámbiese. Existen concellos onde o alcalde e o goberno municipal son elixidos polo voto dos ausentes, algúns dos cales nunca pisaron a casa ou viñeron unha vez de visita (pagados pola Xunta), pero que nin coñecen a realidade sobre a que están chamados a decidir nin teñen información axeitada dos candidatos. A intención é boa. Galicia tamén son eles. De acordo. Hai unha Galicia de dentro e outra de fóra. Pero con xeito. ¿Por que non establecer, como na Segunda República, un cupo ou unha representación concreta para a emigración: deputados ou parlamentarios que representen aos ausentes, os seus intereses, as súas expectativas, que non son necesariamente as mesmas cás nosas? Hai problemas moi concretos na comunidade emigrante que deben ser presentados como tales e que ninguén mellor que xente deles, mesmo residentes alí, desplazados ao país para desenvolver o seu mandato, poden argumentar e defender. A fórmula actual é unha gran mentira. Non digo que malintencionada. E, en certa meneira, un fraude, porque non responde á realidade que coñecen, senón á maquinaria que actúa sobre eles.