Berlusconi

| FRAN ALONSO |

OPINIÓN

A ÚLTIMA arroutada do equipo de Silvio Berlusconi é magnífica. A fin de propulsar a economía, o seu novo viceprimeiro ministro propón sacar á venda as praias italianas, privatizándoas e entregándollas ao mellor postor durante cen anos, é dicir, concedéndollas a quen poida pagar unha significativa cantidade de cartos por elas. O que aínda non se fixo público é se o procedemento seguiría concurso público ou se faría polo tradicional sistema de asignación a dedo. Se cadra, ao propio Silvio Berlusconi, a persoa máis rica do país e posuidor dunha inmensa fortuna, interésalle engadir unha praia ao seu nutrido patrimonio persoal. Se incorrese nalgún delito non tería máis que modificar as leis ao seu favor, como vén facendo até o de agora. O montante que o prodixioso equipo Berlusconi conseguiría nesa operación sería, se cadra, moito máis que unha boa recadación. O que xa non está tan claro é que un país que recibe tantos visitantes ao ano fose quen de manter a súa oferta turística carecendo de praias de libre acceso. Esa é unha circunstancia que aínda está por demostrar. O único que a estas alturas está claramente demostrado é que a amorfa ideoloxía neoconservadora de Berlusconi e o seu entorno (que sobrevive a unha nova crise política) non ten máis límites que os que lle impón o seu propio devezo de conservar o poder (político, pois o mediático xa está todo nas súas mans). Hoxe, o primeiro ministro italiano encarna, coma ninguén no vello continente, a figura do líder institucionalizado que maior complicidade mostra co neofascismo europeo. Unha proposta de tal condición (a da privatización das praias) só é asumible por un personaxe que cando era estudante, segundo contan as biografías, lles vendía os seus apuntes aos compañeiros de clase (nun exercicio de solidariedade sutil); e por un personaxe que é autor dalgunhas das declaracións máis sonadas dos últimos anos, como cando asegurou que «Europa está dominada polos maricóns» (¿estará o amigo de Aznar a inspirar estes días a homofobia dalgúns alcaldes do PP aos que lles gusta adobar o seu partido cun aire reseso e retrógrado?). O sorprendente de todo isto é que individuos como Silvio Berlusconi sexan reiteradamente elixidos e reelixidos ao longo da «civilizada» Europa. Seguramente, ten que ver con certo inconfesable carácter sadomasoquista que por veces deixan entrever os sistemas democráticos.