A CAMPAÑA electoral galega xa ten, lamentablemente, a súa primeira víctima mortal: é ese pobre corzo que matou don Manuel no monte hai uns días «a trescentos metros». Quería con isto o presidente demostrar que está en condicións de gobernar Galicia e deixar claro o ben que anda el de saúde, e fíxoo a costa precisamente da do corzo. Pobre besta. Vaia por diante que foi unha parvada o que dixera antes Xosé Blanco de que Fraga está incapacitado para mandar pola súa idade e a súa saúde. A política é como o amor, non ten idade; e gobernar é como aprender: nunca é tarde de máis. O que hai que criticar é a ideoloxía, non a cronoloxía. Por outra parte, e mirando o censo envellecido que temos no país, se acaso cabe dicir que non hai nada tan galego como pasar dos setenta anos. Canto á saúde, cada un ten a que pode e a que lle queda despois de que a vida lla vaia restando. Non, o que debe determinar se un político está no poder ou na oposición son os resultados das eleccións, non os das análises médicas. Nótase aí que Anxo Quintana é ATS, porque non se mete con Fraga por iso. El sabe que a Xunta, para os votantes, é fundamentalmente o Sergas e catro cousiñas máis por aí. Por iso é innecesario que o presidente demostre que está rufo, e sobre todo que o faga a tiros de escopeta, como se a xestión da Xunta fose a do Oeste americano: unha cuestión de puntería e de quen dispara máis rápido. ¿Que é o que quere demostrar con este corcicidio electoralista? ¿Que o presidente está áxil? Máis ben demostra que quen non o estaba era o corzo, que non lle deu escapado. ¿Demostra isto que Fraga é a persoa axeitada para gobernar aos galegos? Se acaso, o que demostra é que a quen pode manter a raia é aos cérvidos, que non son precisamente un problema en Galicia e que, de feito, son, de entre todas as criaturas que conviven con nós, das que menos problemas causan. Non, así non vai amedrentar aos seus rivais políticos don Manuel nin lograr que haxa máis votantes do PP. Como moito logrará que haxa menos corzos. Así que, desde aquí, eu pediríalle ao presidente unha tregua, un cesamento de fogo en nome dos corzos e o resto das especies venatorias, e a Xosé Blanco pediríalle tamén que deixe de mentirlle a Fraga súa idade, porque a este paso imos quedar sen fauna.