A firmeza dos xuncos

| LUIS EYRÉ DIÉGUEZ |

OPINIÓN

18 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CREO que foi Castelao quen poñía o exemplo da resistencia aparente de piñeiros e carballos que ao fin poden ser vencidos polo vento, fronte aos xuncos que deitados mil veces polos maiores vendavais, se erguen sempre cheos de vida. E como un xunco vin eu a Beiras estes días. Suxeito aos principios ético-políticos que tentou ensinarnos, provocando o debate e soportando os ventos que o quixeron ver deitado implorando un posto. Coa naturalidade de quen sempre predicou e cré que para o ben do País, todos temos que ser infantería, aceitou o segundo posto por Pontevedra que moitos considerarían unha humillación para quen levou ao BNG, da marxinalidade a ser a segunda forza política. Pero de Beiras, xa outros moitos escribiron máis e mellor. O que me preocupa é a información oficiosa dada dende o BNG. Foi tal o despropósito na comunicación que os afiliados aparecemos como uns manexados, que seguimos cegamente as instruccións da Executiva. Unha morea de desagradecidos e insensatos que aceitamos humillar a Beiras nas asembleas e deturpamos o seu recoñecido liderado social, do que prescindimos alegremente. Pero non somos así. A verdade é que a mesma inmensa maioría de afiliados que aprobou as cabeceiras de lista, aprobou tamén que Beiras elexise calquer outro posto, sabendo que xa tiña aceitado ir de segundo por Pontevedra. O erro foi do Consello Nacional. Por cuestión de imaxe, deixamos pendente o acordo sobre Beiras para que fose anunciado por el e Quintana. Non imaxinabamos que fontes autorizadas da Executiva poidesen chegar a transmitir tanta mentira presentando a un Beiras acosado e arrepentido disposto a todo para seguir de diputado. Nada máis falso nen máis lonxe do que é Xosé Manuel Beiras. E así estamos, Beiras dimitido xusto no momento en que se agardaba de nós que foramos quén de protagonizar a alternativa á Xunta do PP. E de nada vale pechar filas. Os afiliados agardan que, máis alá de expresións rituais de respecto, sexamos quén de restaurar a verdade e anque sexa parcheando, reconstruamos o tandem Beiras-Quintana que gañou a última Asemblea Nacional. Se non conseguimos dialogar e acordar entre nós, dificilmente crerá ninguén que imos dialogar e acordar coa sociedade. E a división, pagase moi cara nas eleccións.