MENTRES INSPECCIONAN os ceos de Roma en busca de fume, os xornalistas fan cábalas sobre os papables. E sen embargo, en teoría, o resultado está xa decidido. Polo menos para os que cren no dogma. Para eles estas son unhas eleccións cun só votante, o Espírito Santo, que xa sabe de sobra o que vai votar. Igual que en Cataluña, no Ceo goberna un tripartito (O Pai, o Fillo e o Espírito Santo), pero tan só o Espírito Santo ten dereito a voto na elección do Papa. É o seu un voto cautivo, un voto oculto e sobre todo un voto decidido, todo á vez. Como se fose un elector vasco, o Espírito Santo vota sempre o mesmo e non cambia de idea pase o que pase. En teoría. En teoría, o Espírito Santo teno fácil: non só é o único elector, tamén é o único xuíz da xestión do seu elixido, e ten a capacidade de delongar a súa lexislatura a vontade, ou acurtala por esa moción de censura tan rotunda que é a morte. Máis aínda: o Espírito Santo outorga ó seu elixido o don da infalibilidade, que é moito mellor que unha maioría absoluta. Un votante omnisciente que elixe un líder infalible. En principio, polo menos, nada debería de ir mal. E sen embargo, o que son as cousas, mesmo os máis crentes esperan o resultado cun punto de preocupación. Calquera estudiante de Historia pode recitar a nómina de escándalos e equivocacións que, de vez en cando, abanearon o trono de Pedro, os diversos antipapas (chegou a haber dous e tres a un tempo) que foron como mostras de indecisión por parte do Espírito Santo, e que daban lugar a algo que parece máis propio da política española que da pontificia: gobernantes rivais que se consideran infalibles todos eles De feito, e aínda que o Espírito Santo inspira a todos os cardeais o mesmo nome, sempre hai algúns que escriben outro, non se sabe por qué, na papeleta que logo queiman na estufa da Capela Sixtina. Quizais os cardeais, que saben máis por vellos que por cardeais, sospeiten que ás veces o Espírito Santo tamén se pode equivocar. Ou máis probablemente, como diría un director de campaña electoral, o Espírito Santo non logra comunicar ben. Os crentes sempre se preocupan de lembrarnos que, aínda que inspirados pola divindade, os cardeais do conclave son humanos. Pero hai sociólogos electorais que abeiran unha secreta sospeita: mirando o estado do mundo, tamén é posible que algunhas veces o Espírito Santo se absteña.