UN NOVO caso de violencia doméstica. Así iniciaban os informativos os seus noticiarios. Onte. Despois dedicaban máis tempo ás bengalas de Milán e á tumba pontificia. Ninguén pediu días de loito oficial. Nin hai multitudes para contemplar o corpo sen vida, mortos a martelo, de dous irmáns de Elxe. Seis e dous anos. Os informativos entrevistan a veciñas que non observaran ningún comportamento «raro». O presidente do goberno continúa a súa roda de prensa e non fai unha declaración pública en nome de todos os españois. Dous nenos non son o Papa de Roma. Seguen a dicir que a sociedade está conmocionada polo falecemento, por causas naturais, dun home de oitenta e seis anos. Dous nenos de Elxe non son Rainiero. Nin príncipes nin prelados para ocupar a portada das revistas. Dous nenos mortos son un síntoma dunha civilización perdida: esta sociedade que vive de costas a si mesma. Anunciamos noticias como esta sen partirnos a voz. Algúns pártena máis cando relatan a tumba pontificia. Somos, tamén, o que perdemos. Dous nenos mortos están morrendo por nós nalgún lugar do ceo (o ceo de Xoán Paulo II). Eu non son deste barrio. Porque entre Roma e Mónaco, quero quedarme en Elxe. A rezar. Ou a chorar, qué importa.