Protagonista

OPINIÓN

NON PENSABA falar do Papa porque neste tipo de cuestións que rozan as crenzas sempre hai alguén que se ofende, pero tras tantos días de bombardeo masivo de noticias e comentarios é imposible non falar del. Eu debo comezar dicindo que Juan Pablo II non me resultaba simpático para que non quede dúbida do punto de vista dende o que falo. As miñas simpatías en cuestión de papas están con Juan XXIII, que intentou poñer ao día a Igrexa no que se refire á ideoloxía, afrontando cun espíritu aberto os problemas que a Ciencia e os cambios na sociedade plantexan aos católicos. Polo contrario, Juan Pablo II pareceume dende os primeiros tempos do seu papado unha figura moi moderna nos xestos (usaba jerséis, bicaba aos nenos, practicaba deportes...) pero moi conservadora nas ideas. En vinteséis anos non deu un só paso adiante respecto a cuestións tan importantes como o divorcio, o aborto, a eutanasia, o celibato eclesiástico, o sacerdocio das mulleres, o control da natalidade, a investigación biolóxica, as relacións prematrimoniais ou o uso do preservativo contra o sida. Os máis respectuosos falan del como dun «defensor da tradición». Os máis belixerantes non dubidan en consideralo retrógrado respecto ás figuras de Juan XXIII e de Pablo VI. Foi tamén moi moderno na utilización dos medios de comunicación. As cámaras de televisión estiveron presentes en todos os acontecementos da súa vida, mesmo naqueles nos que se trataba dun asunto íntimo como foi o do perdón ao terrorista que disparou contra el. A súa antiga vocación de actor era patente na naturalidade coa que sabía posar, ocupar o centro da escea e moverse nela. Pero non era unha figura popular á maneira na que o foi Juan XXIII, senón que foi un gran conductor de masas, un líder que arrastraba coa súa presencia e coa súa palabra. Chamábanlle «o atleta de Deus». Quizá sería máis exacto dicir «da Igrexa». No seu funeral a min resoábanme na cabeza unhas palabras: «O meu reino non é deste mundo».