Auto mártir

XOSÉ CHAO REGO

OPINIÓN

O SOCIÓLOGO tería que informar sobre o que sucedeu en Roma, que morre unha persoa da que os biógrafos aseguran que sempre quixo morrer en pleno escenario: os derradeiros anos fóronlle martiriais, e non ocultou a dor; fixo dela coma unha exposición relixiosa. Karol Wojtyla, plusmarquista, en plena crise mundial, é invocado afirmando que foi conservador no relixioso, progresista no social, cuestión que habería que verificar visitando aos traballadores da Cidade Vaticano e os conflitos ao establecer sindicatos. Xoán Paulo II prestoulle pouca atención ao Concilio, a non ser para darlle atrás. Deixa un conclave moi condicionado pois el foi promovendo bispos e cardeais da súa corda. Pensan algúns en candidatos valiosos pero, dado o proceso electoral, o máis probable é que sexa un cardeal condicionado pola estrutura de poder neoliberal, afeito a «sobrenaturalizar» todo pois no Vaticano dispoñen dun recurso: o paxaro que denominan Espírito Santo.