COMENTAN ALGÚNS tertulianos e columnistas que Zapatero estase quedando calvo, e dino como se esta fose unha máis das súas promesas incumpridas. Algúns xornais mesmo publican fotografías de «antes» e «despois», que parecen un reclamo publicitario dun crecepelo; e eu xa levo lidos varios artigos en diversos medios nos que analistas políticos poñen o seu talento ó servicio de disquisicións en torno a se o peitado do presidente está coidadosamente deseñado para disimular esa suposta alopecia incipiente. A teoría parece ser que un home a quen lle cae o pelo algo malo debe ter, e que un político que oculta a súa calvicie cun peiteado estraño («de estilo romano» precisa unha información) é que ten tamén outras cousas máis serias que ocultar. O pobo pensa en mitos, e a implicación é que en Zapatero, igual que en Sansón, a perda do pelo implica a inminente perda do poder. O que sucede, penso eu, é que cando un goberno está verde (como sen dúbida está este, con todo e levar xa máis dun ano rulando) iso implica que tamén a oposición, por forza, debe estar verde. E así, igual que o goberno cae fácil na tentación de recorrer a promesas e xestos puramente estéticos, a oposición acaba caendo tamén na de sinalar erros puramente estéticos, por exemplo esta cuestión do pelo. O pobo pensa en mitos, como dicíamos, e en metáforas. Por iso Xesús Cristo falaba en parábolas e por iso o PP, salvando as distancias, busca a metáfora que lle permita presentar a Zapatero como perdedor, para que o sexa realmente.Pero quizais van mal encamiñados. As metáforas dan xiros imprevisibles e, para a sabedoría popular, quedarse calvo facendo algo é unha proba de dedicación. Os romanos tiña unha deidade, a deusa da Ocasión, á que representaban con alas, significando que a Ocasión era fuxidía. Era amiga da Fortuna, e nun caso célebre axudouna a saír ben librada dun problema moi serio, pero era diferente da deusa Fortuna en moitas cousas, entre elas en que a Ocasión era calva (literalmente «a pintaban calva», como di o dito). Era unha divindade de políticos, e sen dúbida é a deusa de Zapatero, un home sempre favorecido pola Ocasión, e isto é o que, explicablemente, irrita ós seus rivais. Agora, mesmo podería ser que estivese a adquirir un dos seus atributos (Claro que tamén pode que non sexa máis que un problema de stress ).