XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |
06 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Leva nos ollos, tan azuis, a cor da patria. Como un estigma, unha estrela, roja . Algunha vez escoiteino falar de Itaca e pensei, eu, que son un Telémaco triste, que Xosé Manuel Beiras era Ulises. Tal vez era Ulises. Falaba da Penélope que espera futuro. Lía os clásicos que só lemos os utópicos, coma el. Porque Beiras, por fortuna, é un utópico. Un Bach con sonata de piano. Un animal político que podía dedicarse a calquera arte menos á política: probablemente a actividade intelectual máis vulgar e mediocrizada. A correcta política consiste en pronunciar o que queren escoitar, entre vítores, os votantes. Beiras non serve para a política. El móvese no mundo das ideas, ese Parnaso onde Ulises regresa a Itaca. Onde a verdade é posible. Onde quererte é un quérote constante. Un credo. Beiras anda estes días en boca de todos. Os seus e os outros. Porque non cala cando todos precisan silencio. Ou peor: precisan que diga Beiras o que queremos escoitar. Pero o león de ollos azuis é home libre. E revolté , como Camus. A min gústanme as palabras de Ulises. E gústame, máis aínda, que Quintana fale del con amor e admiración. O que amas perdura, escribiu Pound. Perdura. Coma ti¿ oh capitán, meu capitán.