SEMPRE PENSEI que as verdadeiras Ciencias Ocultas son as Matemáticas, a Física, a Bioloxía, a Química... Todas estas ciencias permanecen certamente ocultas para a maioría da xente, que só escoita falar delas cando a un español lle dan un premio raro ou cando un fillo seu suspende (ou unha filla, pero as fillas suspenden moito menos). As tripas da nosa cultura están expostas nos kioskos, e neles vese ben que o que chaman Ocultismo non está oculto en absoluto. Todo o contrario: aí están a rebentar os feixes de revistas que nos revelan os secretos das pirámides, nos informan de que Xesucristo era un astronauta, ou de que o número pi é en realidade 666, ou de que o voto emigrante nas eleccións galegas é tan só unha das moitas formas en que os defuntos se comunican con nós (mesmo aqueles defuntos que, en vida, a penas tiñan nada que dicir). Pero, a pesar disto, quixera facerlle unha pequena homenaxe ao doutor Jiménez del Oso, que acaba de morrer, porque teño con el unha débeda. Jiménez del Oso falaba de ovnis, de aparecidos, de psicofonías, das caras de Nazca e, en xeral, de todo o repertorio do que se adoita chamar o descoñecido e que, como dicía ao comezar, debería ser xa a materia máis coñecida do mundo, a xulgar polo espacio que se lle dedica. Aínda que o doutor falaba sempre con distancia e con escepticismo, isto era, por suposto, parte da posta en escena: el cría na maior parte desas cousas das que falaba. Sen embargo parecía que non cría, e así, sen sabelo e paradoxalmente, mentres divulgaba o Ocultismo ensinaba tamén a desconfiar del. Pasoume a min, polo menos. Víao de vez en cando na televisión (din que entón víase menos televisión, cando en realidade víase toda a que había). A voz de Jiménez del Oso, como a dos baixos nas óperas, inspiraba respecto, e eu escoitaba con paciencia as súas tranquilas explicacións sobre como, quizais, os aztecas dispuñan da bomba atómica ou como, se cadra, os extraterrestres fixeran noite na provincia de Almería. A infancia, contra o que se diga, é basicamente un período de racionalismo extremo, e ao neno que era eu non o convencía o doutor Jiménez del Oso. E sen embargo, de todo se aprende: quedóuseme a parte do seu escepticismo, a parte do se cadra , do quizais. Non é pouca débeda: o escepticismo, nada menos, a única cousa que é tan valiosa coma o certeza.