90-60-91

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

23 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

HEIDI non se presentaría (ella era, sólo, una niña buena). As mulleres que pintaban Rembrandt e Botticelli, tampouco. Elas non medían 90-60-91, como mide miss España. Non hai demasiada diferencia entre unha feira equina e un concurso de misses. Aos cabalos míranlles os dentes, ás misses mídenas: 90-60-91. Consentir estas desventuras nun país civilizado produce rubor. Por non dicir asco. Un país paritario no seu goberno, que propugna leis contra a violencia machorra e covarde, que inicia os discursos do seu presidente pronunciando queridas compañeras y queridos compañeros¿ un país así non pode consentir máis galas miss España. Nin míster España, tampouco. E iso que este ano caeu na Coruña. Un tal Borja de Vigo: míster España. ¿Borja tamén mide 90-60-91? Este é un país necio, paleto, zoquete e mentecato. Afirmo tal sen pedir desculpas. Porque os seres humanos, mulleres e homes, son algo máis que 90-60-91. Son caricias, bicos, abrazos, intelixencia, sensibilidade, paixón, desexo, versos, ollos de vértigo, libros, corpo sen medida. Son un bótote de menos cando non estás, aínda que nunca te vaias. Son un quérote como es, así, aínda que non sexas 90-60-91. Así. Tan libre. Rotundamente buena. Como Heidi.