Quen queima, delinque

| TOMÁS FERNÁNDEZ-COUTO JUANAS |

OPINIÓN

PILAR CANICOBA

QUEN QUEIMA intencionadamente o monte é un delicuente e así debera ser tratado e considerado por todos: xustiza, poboación, e moi especialmente polos políticos, como espellos que deben reflectir as lexítimas preocupacións da cidadanía. Tristemente, ás veces, o diálogo político mal entendido deriva en descalificacións infértiles máis encamiñadas a crear confusión que á construción dunha verdadeira conciencia medioambiental. Vímolo e oímolo esta fin de semana en boca de responsables políticos e de diversos colectivos e na pluma dalgún articulista de recoñecido prestixio e polo tanto de recoñecida influencia. En lugar de repudiar o delicto en si de queimar o monte erguéronse voces de crítica cara ás autoridades e responsables do operativo de loita contra o lume. Galicia rexistra o inverno máis seco dos últimos 30 anos. Esta circunstancia favorece e ampara unha maior actividade incendiaria que racha coa tendencia dos últimos anos, nos que o número de incendios non deixou de diminuír. As superficies afectadas reducíronse espectacularmente desde comezos dos 90 e permitiron unha recuperación moi importante da superficie arborada, sobre todo do arborado autóctono. Valla como exemplo a media de hectáreas arboradas afectadas por incendio, que descendeu desde as 10,37 de 1989 a unha hectárea por lume en 2004. En resumo, avanzouse moito, pero o número de incendios intencionados segue a ser excesivo. Quero destacar tamén o esforzo e a profesionalidade demostrada por todos os membros de operativo de loita contra incendios nestes días de especial adversidade, nos que a actividade incendiaria foi moi superior á habitual nesta época do ano, sempre complicada. Afortunadamente, ao menos as torres vixía dependentes de Medio Ambiente afinaron a súa visión. Agradezo tamén a colaboración e sensibilidade das numerosas persoas que chamaron ao 085 para alertar de lumes. A profesionalización do operativo de loita contra o lume debera de ir parello a unha maior especialización das forzas policiais, como xa está a demandar a Xunta. Eu son testemuña de excepción do esforzo que realizan as unidades policiais, pero sen medios permanentes pegados ao terreo nas zonas conflitivas non se obterá a eficacia necesaria contra unha das principais actividades delictivas de Galicia. ¿Ou é que os incendiarios son menos delincuentes que os narcontraficantes ou os maltratadores?. Considero polo tanto lamentable o intento de responsabilizar ao Goberno galego do elevado número de incendios forestais e boto en falta alusións aos verdadeiros autores dos lumes, demandas de maior persecución policial e chamamentos a unha maior concienciación social. A falta de condena expresa e a xustificación dos incendios «como proba de desgoberno» supoñen, tristemente, un amparo máis para os incendiarios que se benefician do protagonismo que o debate político lle resta ao problema derivado da alta intencionalidade que se agacha tras os lumes. A Xunta xa está a traballar desde diferentes eidos na prevención e na minimización das consecuencias dos incendios forestais; o decreto que regula os aproveitamentos forestais e as xuntanzas de coordinación policial son algúns exemplos. Non entanto, os esforzos das autoridades resultarán baldíos se non se atalla o problema na súa orixe: a acción delictiva que supón prenderlle lume a un ben común como é a masa forestal galega debe ser reprobada por todos. Ao cabo, hai esperanza, xa que os delincuentes son unha minoría e os galegos de ben somos máis.