NO ANO 1973 Luis Berlanga contaba en Tamaño natural a historia dun burgués de clase alta que se namoraba dunha boneca inchable. Aquelo veuse entón como unha metáfora da incomunicación amorosa, aínda que ao fondo había tamén a idea de que unha boneca pode ser a muller ideal para os homes. Esta idea parece que se ten feito realidade na sociedade xaponesa actual. Según unha reportaxe da revista Glamour do mes de marzo, aumenta cada ano en dez mil o número de consumidores dunhas bonecas chamadas love doll . Trátase de bonecas hiper-realistas, con osos articulados, columna vertebral, coxis, pel suave e rostro doce, de expresión inocente e pensativa. E, por suposto, órganos internos doados para facer o amor con elas. Non sorríen para que cada quen poda proxectar sobre elas os propios sentimentos. Ao collelas da man, as niñas dos seus ollos dilántanselles, de maneira que o usuario ten a impresión de que responde ao seu contacto. O prezo oscila entre 3.700 e 5.200 euros, que non é excesivo tendo en conta as prestacións e o feito de que son para toda a vida . Por outra banda, nunha película americana, traducida como As mulleres perfectas , Nicole Kidman desenmascara a unha sociedade que se adica, mediante o implante dun chip no cerebro e coa complicidade dos maridos, a converter a mulleres casadas, con exitosas carreiras profesionais, en amas de casa que só se preocupan de cociñar, limpar e compracer ao marido. Esto recórdame aquel vello tópico de «os homes prefírenas tontas», que teño documentado todo ao longo da literatura española. Como mostra, vaia este testemuño de Rosalía de Castro, que non era ningunha feminista rabiosa: «Los hombres no cesan de decirte que una mujer de talento es una verdadera calamidad, que vale más casarse con la burra de Balaán y que sólo una tonta puede hacer la felicidad de un mortal varón». Por sorte, avanzamos. Hoxe un home xa non ten que casar cunha parva para ser feliz. Abóndalle mercar unha love doll de última xeración.