Memoria da escola

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

18 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

VEÑO de visitar o recentemente inaugurado Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), en Santiago, iniciativa da Consellería de Educación que non podo máis que celebrar e aplaudir. Levei canda min o meu fillo pequeño. Alí estaba: a nosa memoria. O vello pupitre, co seu tinteiro, que o profesor enchía todas as mañás para os ditados e o exercicio da caligrafía, as plumillas esgalladas, as pizarras para deprender as primeiras contas, os ábacos, a Enciclopedia Álvarez , editada en Valladolid, pozo único (e unidireccional) de toda a nosa sabiduría, o globo terráqueo, os cadernos pautados... O meu profesor chamábase don Luis. Preparábanos para o ingreso: un ditado (case sempre de El Quijote ), unha conta de dividir e catro nocións de historia (moi patriótica, pasada pola lupa do réxime vitorioso da guerra). Con dez anos entrábamos no bacharelato. En cuarto curso, para pasar a quinto: unha reválida. Viñan os catedráticos de Santiago. En sexto, para acceder ao grao superior: outra (divididos os alumnos entre ciencias e letras). Logo do curso pre-universitario: outra, a selectividade, esta vez en Compostela. E aquí estamos. Non sucumbimos no intento. Polas mesmas datas chega ás miñas mans o impresionante traballo de Antón Costa Rico, Historia da educación e da cultura en Galicia (Xerais). Mil duascentas trinta e sete páxinas de concentrada información, erudición e estudo, nas que o profesor da Universidade de Santiago propón unha viaxe documentada e exhaustiva pola historia da educación, as formas e os procesos educativos dende a Galicia medieval (a Galicia do latín e os manuscritos) ata os nosos días. Impresionante. Non se me ocorre outro calificativo, entre a admiración e o abraio pola dimensión e a ambición da obra. Antón Costa é, sen dúbida, o noso gran especialista na materia. Agustín Escolano, no prólogo, apunta ben: trátase, por riba de todo, dun exercicio de reconstrucción da memoria colectiva, que explica o que somos hoxe. Non podo máis que recomendar aos lectores (moi especialmente aos educadores) estas dúas referencias: o museo pedagóxico de Santiago, que non ten moitos que se lle asemellen en España (Albacete, Huesca, un pequeño ensaio na Universidade Complutense...) e a obra de Costa Rico, pois en certa maneira se complementan. Impresionáronme, sobre todo, as aulas da República. A Segunda República Española foi a revolución dos mestres. O decreto do 29 de setembro de 1931 para a reforma das Escolas Normais dicía: «La Escuela en España será jardín y taller; convivencia de todas las clases sociales y todas las confesiones; principio de una selección que posibilitará el vuelo de la inteligencia a las cimas del saber y del poder» (vid. Grial , nº 163). Era o espírito ilusionado da Institución Libre de Ensinanza. Entre 1931 e 1935, o censo de profesorado das escolas de Galicia aumentou en máis de 2.000 ensinantes. Durante a guerra, 1.452 foron destituídos, sancionados, cesados ou paseados.