A LIÑA OBLICUA
17 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.OS ARGUMENTOS de Manuel Fraga para defender a instalación da inquedante fábrica de tisú que Ence quere abrir en Lourizán son delirantes: é factible «porque a ría xa está suficientemente degradada». Con ese argumento poderiamos seguir contaminando a atmosfera porque, total, xa está degradada a través do «efecto invernadoiro» ou poderíamos prenderlles lume a todos os nosos montes porque, total, xa están bastante calcinados. Así que, o moderado Manuel Fraga, partindo de tan lúcida teoría, cualificou de «ecoloxistas fanáticos» ás persoas que se opoñen ás instalacións de Ence en Lourizán. E, con todo, o máis incomprensible é a actitude da propia empresa: a concesión dos actuais terreos de Ence en Lourizán remata definitivamene en 2018, tras a negativa do Congreso dos Deputados a concederlle unha prórroga, logo de 50 anos de contaminación e degradación medioambiental da ría; pero a dirección de Ence négase a buscar calquera alternativa para o seu traslado a algún dos polígonos industriais da comarca. O traslado permitiríalle a Pontevedra apostar por un desenvolvemento sostible que posibilitase a recuperación dos espazos naturais, xerando novas fontes de ingresos. Por iso, tamén resulta incomprensible o triste papel dos sindicatos que, guiados polos seus intereses orgánicos inmediatos, despoxados do seu papel crítico e renunciando a unha visión de futuro, se opoñen ao traslado de Ence. Opóñense malia que a contaminación, en Pontevedra, nin sequera precisa informes científicos: ten cheiro e por veces séntese na irritación dos ollos e nos órganos respiratorios. O traslado de Ence, amais de conservar os postos de traballo, propiciaría que Pontevedra desenvolvese ese futuro de cidade de servizos, de ocio e de turismo que demandan os novos tempos. Porque, se cadra, tamén habería que preguntarse como sería a Pontevedra de hoxe sen esas instalacións de Ence que Franco impuxo en 1957; seguramente unha cidade moito máis rica, populosa e turística, cunha gran proxección e unha ría que nada lle tería que envexar ás outras. E mentres aos «ecoloxistas fanáticos» se nos irrita a pituitaria coas tres chemineas de Ence (que, por certo, foi condenada por delito de contaminación ambiental), Manuel Fraga na agonía do seu derradeiro mandato, busca todos os recursos posibles, incluíndo o incumprimento da Lei de Costas, para seguir contaminando o país que goberna.