SEGÚN un estudio científico, as mulleres perden cinco horas de sono semanais por culpa dos ronquidos das súas parellas. Pois non che digo eu as que perdo por culpa deste silenzo que me cerca dun lado a outro da cama. O silenzo, si señores, é un compañeiro molesto, molestísimo. Cando empezas a tratar con el daste conta de ata qué punto se pode chegar a añorar a humana e tenra regurxitación dun ronquido na orella. Cando empezan a molestarche os ronquidos do teu home é que empeza a decae-lo amor, e xa non respectas a ese home roncando nin sen roncar; ese é o problema. Eu creo que nesta España tan axitada e divertida ultimamente, fáltanos tolerancia para cos nosos compañeiros de cama. Quero dicir a nós as mulleres e a todo quisque en xeral. Fáltanos tolerancia cos ronquidos de Carod-Rovira, que ronca o seu, e fáltanos amor e cariño cos silbidos bisbiseantes dos durmintes do BNG, e fáltanos comprensión cos despertares súbitos no medio da escura noite de Ibarretxe. Non somos bos compañeiros de cama os nacionalizados españois, queremos a cama enteira para nós sos ainda que sexa máis pequena, chéganos cunha autonomía. Conquistamos esa libertade coa democracia, a de poder durmir a noite enteira a perna solta sen ter que soportar os ronquidos dun tío encima da orella e agora dámonos conta de que a solución non pasa por mandar ao que ronca para outra habitación, senón que hai que quererlle ben. Se non queren vostedes que os cerque o silenzo no medio da noite intacta, eu aconséllolles, queridos lectores, que pensen un pouco na actitude do noso presidente Zapatero e que aprendan del. Este presidente estanos ensinando algo novo a nos os españois. Probablemente non tivemos outro igual no que vai de historia democrática. Zapatero é un home que aprendeu de neno a lección que aprendemos co tempo todos, unha lección que xa deberan ensinar nos colexios, e dase conta que a verdadeira felicidade reside en ser unha boa esposa sen máis, unha muller que dá un bo durmir, que se fai a un lado na cama sen molestar, que se adormece acunada polos ronquidos da súa parella, e que se desperta cada día feliz e enchida de tolerancia e amor. Non estou de broma. Creo verdadeiramente que ese é o camiño correcto para unha amorosa e civilizada convivencia. Á xente que ronca hai que deixarlle roncar. Non é máis ca iso, un bramido gutural que se orixina no peito, nas fosas nasales ou na gorxa, e case sempre conxénito e hereditario, nin moito menos mal intencionado coma ese movemento brusco que fai a mala esposa cando quere defender o seu cacho de cama. Póñanse nunha esquiniña, tranquiliños a durmir, e xa verán como en poucas semanas os ronquidos deixan de roubarlles o sono.