O DESGRACIADO accidente do Siempre Casina puxo en evidencia unha realidade innegable: a necesidade que Galicia ten da inmigración. Se cadra resulta estraña a afirmación da inmigración como necesidade, especialmente cando desde o poder político se poñen todo tipo de trabas para impedila e controlala, pero a realidade está á vista: as novas xeracións de galegos, conscientes da dureza do mar, non queren embarcar. Das oito víctimas mortáis do naufraxio, seis eran inmigrantes estranxeiros. A construción, a hostelaría e a asistencia no fogar son tamén outros sectores que sofren unha cada vez máis pronunciada falta de man de obra galega. Os inmigrantes, xa que logo, veñen cubrir as vacantes deses postos. En Galicia existen dous tipos de inmigración: a dos emigrantes retornados ou os seus descendentes e a dos estranxeiros. Os primeiros eran, até hai pouco, maioría. Os estranxeiros constitúen agora a porcentaxe máis alta. Galicia é un país de emigrantes. Os soños da nosa miseria secular sempre atoparon consolo en Europa e en América, así que non podemos ignorar a nosa memoria histórica, colectiva, porque está ensarillada nas dramáticas mallas da emigración; un factor que debería impedir que caésemos na demagoxia populista coa que ás veces se nos quere posicionar contra a inmigración. Logo da estrita Lei de Estranxería do PP e algúns argumentos preocupantes contra a inmigración, chegan agora os intentos do PSOE de regularizala. En moi boa medida, nacen frustrados, pois a maioría dos inmigrantes vense abocados a traballar sen contrato laboral, en ínfimas condicións, na escuridade da economía somerxida. En Galicia deben residir hoxe perto de 50.000 inmigrantes. Curiosamente, son elas (maioría) e eles os que están a salvar o país dunha debacle demográfica. O escaso crecemento demográfico que Galicia rexistra prodúcese grazas á inmigración. A estas alturas, moito máis que un problema, a inmigración constitúe unha inestimable axuda a construírmos Galicia. A nosa obriga é integralos na sociedade plural, solidaria e mestiza que chama por nós.