(Aos poetas, que nunca son noticia) El masticaba os soños. Era o seu oficio. Sentaba nun banco, de madrugada, mentres a cola dunha estrela fugaz viaxaba rumbo a ningures. Non estaba triste. Nin contento. Estaba, como unha farola, agarrado á presbicia do olvido: porque tamén somos todo o que perdemos. De cando en vez pasaba un borracho que non era capaz de desprenderse dunha botella usada. Mirábanse: eran do mesmo barrio, da mesma soidade. Ningún deles tiña amores onde regresar. Ningún era noticia de portada. Só en Nadal, cando as televisións organizaban eventos nos que se recadaba pasta para os necesitados. Necesitados, ¿de que?, ¿de pasta? O mundo xiraba en torno á pasta. O mundo é tan pobre que só precisa cheques subvencións ingresos. El conformábase coa mirada do borracho que pasaba: «mon frère, mon semblable», pensou. Despois marchou á casa e escoitou unha radio portátil, con dous auriculares, que non tiña con quen compartir. Pensaba no destino. E púxose a escribir. Dende a alma. Non escribía historias: as historias mellores están nos periódicos. El escribía con rotulador de flores. Escribía versos. Era un fracasado. Pero quedaba o futuro, talvez. Sempre o futuro. Como un soño. Para masticar.