ESTA CONSIGNA dunha parte do nacionalismo na transición semella ter pasado defnitivamente a millor vida. Convocadas polo BNG, co nome de Foro social para o novo Estatuto, reuíronse 59 persoas durante catro meses para elaborar unhas Bases para dotar a Galiza dun Estatuto de nación. O texto presentado por Barreiro, Mariñas e Villares destila a libertade que se lle supón aos seus autores. Os ex vicepresidentes e o ex rector coincidiron en definílo como unha proposta de harmonía para o país que non se marca máis límites que os da razón democrática. O texto sostense nunha confíanza plena nas capacidades da sociedade galega e na belixerancia contra a cultura da dependencia e da subvención. Esas son as claves dunha letra que asume sen restriccións toda a vontade de autogoberno de que Galiza é capaz. O asunto é saber se os seus contidos acadarán concreción ou ficarán como unha aportación á historia dos fracasos políticos deste país. Discútese se existe demanda social dun novo estatuto, como se discutíu na transición e na 2ª República. A comparación co País Vasco e Cataluña tamén volve estar presente. Na historia recente, a grande diferenza coas outras nacionalidades históricas da Constitución é que este país sempre tivo máis sorte coa sociedade que coas súas institucións. O catro de Nadal de 1977 e nas movilizacións contra a aldraxe en 1979 saíron á rúa máis manifestantes que votantes tivo o actual Estatuto en 1980. Polo camiño a política confundíu a unha sociedade que amosara a súa identidade diferencial e as súas arelas de autogoberno. Outravolta a sociedade demostra a súa vontade política. Poderá seguir a demostralo pola vía da confección de maiorías que favorezan que o país acade ese Estatuto de nación. Como no pasado, non será Fraga quen o impulse, tampouco un sector dos socialistas. Pero, a diferenza de hai vintecinco anos, o nacionalismo político ten forza dabondo para non resignarse a ficar en posicións testemuñais. Sen nacionalismo non hai nación. Non hai nacións obxectivas sen colectivos sociais que reclamen dereitos e poderes e sen movementos políticos que os vehiculen. Ademais, o nacionalismo terá que atinar a concretalo politicamente. Coa presentación destas Bases, por primeira vez dende a República, o nacionalismo galego comprométese co camiño estatutario sen retesías. Así hai que entender tamén a Declaración de Rianxo, na que Anxo Quintana comprometeu o apoio do BNG a un novo Estatuto. Outra novidade é que dende a política se confíe na sociedade, alén da retórica. Os partidos non adoitan correr tal risco. O Bloque correuno. O resultado é un texto sólido e ben fundamentado que en muitos aspectos vai alén de onde puido chegar a acción política ata o momento e que establece as aspiracións históricas do nacionalismo político neste momento. A súa lóxica, impecabel, é que temos dereitos porque queremos telos, non porque nolos otorguen. A falta da posición do PP, súmase esta aportación á apresentada por Iniciativas21. Mais, como sempre, non será na sociedade senón no terreo da política institucional onde se dirimirá o proceso e se determinará a posición do país nun Estado plurinacional.