TODO ISTO do 3%, por moito que Maragall diga agora que só se trata dunha derivada infinitesimal dalgo que ocurre e que hai que analizar (a financiación ilegal dos partidos), a min sóame a unha canción xa tristemente coñecida por todos, e que neste país entónase cada dez ou doce anos, como introito a un cambio político ¿Lembran o ano 93, cando se empezou a descubrir toda a gandallada que había detrás de Roldán e outros escándalos do PSOE? A palabra corrupción entrou na nosa recente historia e xa non nos deixou xamáis. Agora o señalado é CiU, e creo que Pascual Maragall non debera deixar isto en táboas, porque non hai para os cidadáns nada máis prioritario que a transparencia da administración e o saneamento das contas públicas. A toda unha clase política isto faille máis ben tremar, ¿quen non tén as mans manchadas por apropiarse para os seus beneficios dun diñeiro de todos? Semella que a financiación ilegal dos partidos é un mal da democracia aceptado por unha maioría que prefire deixar correr os escándalos antes que enfrontarse a eles e aclaralos. Eu non creo nas maragalladas, como non creo na inocencia e na boa fe de Carod- Rovira ó irse entrevistar con ETA, sei que todo político leva o seu propósito nos seus feitos e nas suas palabras e non fala por falar. Lanzarlle esta insinuación acusatoria a CiU é destapar unha caixa de tronos que sen dúvida algunha, moi calculadamente, Maragall espera rentabilizar políticamente tarde ou cedo. ¿Quere Maragall dar o salto como líder nacional español do Estado Federal que él propugna despegándose dun nacionalismo que o tén acoquinado desde que empezou o tripartito? Para min a polémica do 3% vai máis aló de pasarlle a pataca quente do afundimento do Carmelo á administración anterior, e vai tamén máis aló de querer tapar con esta polémica nova a verdadeira e cruda realidade dos afectados polos derrumbes do barrio barcelonés. Porque o que unha empresa privada lle paga como imposto revolucionario a un xestor da administración pública, será sempre a costa da calidade do servicio que esa empresa lle ofrece ó cidadán. O suposto 3% de CiU quen o acaba pagando son os mil afectados do Carmelo, que encima sufren unha obra deficitaria que lles acaba con toda unha vida de aforro e traballo para comprar un piso que agora se ve reducido a ruinas. Esta é a dinámica da corrupción: aliméntase dos impostos dos cidadáns e emprégase para facerlles dano. Corre máis presa arreglar isto que calquera Estatuto catalán. Ou dito doutra forma, un novo Estatuto catalán montado sobre este fiasco administrativo non tardaría moito en derrubarse coma as obras do Carmelo, e isto é posible que xa o sepa Maragall.