A VERDADE é que non vexo a televisión. Non é que a vexa pouco: é que non a vexo nunca. Nunha sociedade tan profundamente audiovisual esta actitude acarrea algúns inconvenientes para a relación social: déixao a un fóra de xogo en moitas conversas. En todo caso, o meu non é un acto de rebeldía: fun descubrindo que a ausencia da televisión facía a miña vida máis reflexiva, máis relaxada e, sobre todo, con máis tempo libre. E agora xa non son quen de renunciar a esa conquista. Ora ben, recoñezo que os insufribles contidos da televisión foron determinantes para que deixase de vela. Pero nin sequera foi un acto premeditado: sen decatáreste vas deixando de prendela até que xa non a necesitas. Porque a televisión, como descobre unha magnífica novela do escritor francés Toussaint, hoxe por hoxe, convértese nunha necesidade. Así que as miñas fontes de información proveñen de Internet (con importancia crecente), da prensa escrita e da radio. Isto non quere dicir que me posicione contra a televisión. De feito, como escritor, sempre me defino como un individuo moito máis influenciado polo impacto da comunicación audiovisual que pola propia literatura. Xa que logo, alégrome de que a proposta que o sonado comité de sabios acaba de facerlle ao executivo de Zapatero constitúa un avance na conformación dunha televisión pública libre, independente e de calidade. Porque, en definitiva, a televisión pública é un servizo de interese xeral, pensado para informar e servir á cidadanía, que non debe estar supeditada ás veleidades dos intereses políticos e económicos e debe guiarse polo pluralismo, a independencia, a cultura e o diálogo social. E tampouco sería ningunha atrocidade lexislar uns contidos elementais tamén para a televisión privada, a fin de garantirlle á cidadanía unha oferta de certa dignidade. Por suposto, é imprescindible que as medidas que se adopten para a TVE sexan asumidas tamén pola TVG, a ver se os seus profesionais poden traballar, por fin, libres de presións. Así mesmo, parece elemental, dentro do novo marco europeo e no ámbito do Eixo Atlántico, que a poboación galega poida, tal e como reclaman algunhas plataformas, ter libre acceso ás televisións portuguesas. Porque a televisión, ademais dun encontro co ocio, ten que ser un instrumento de información, de debate e de aprehensión do mundo que pode axudarnos a deitar unha ollada máis libre e interpretativa sobre o noso tempo.