O coloso en chamas

Mª XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

HORAS despois de que os bombeiros o desaloxaran, dúas persoas entran no edificio, con perigo de morreren abrasadas. ¿Que pode levalos a arriscar así as súas vidas? Impedir que algo grandioso sexa devorado polas chamas. ¿Serán cheques gardados nunha caixa forte? ¿Obras de arte millonarias? Descartado. Sabemos que os humanos non arriscan a vida polo lucro e a cobiza. Daquela, o que incita esas dúas persoas ha ser un imperativo moral. ¿E quen se move dese xeito altruísta na sociedade? Os políticos. Para descubrir a súa identidade escoitemos as súas palabras: Un: ¿Que fas aquí maldito fomentador? Outro: Recuperar o que me pertence e me queredes arrebatar. E a ti, ¿quen che manda? Un: Obedezo ordes do meu señor don Manuel a quen o teu señor Aznar lle quere retirar o Prestige . Outro: ¡Toma! -di botándolle un cascote ardente que a pouco lle queima a cabeza-. ¿Onde vas con esa boina? Debías levar un casco coma min. Un: Non necesito casco. Deféndeme un talismán da fraga. Na miña terra os cascos poñémosllos aos animais. A ti subíronseche á cabeza. Outro: Eu herdeino da miña familia que baixaba á mina a cotío. A túa, para amasar pan non o había necesitar. Un: ¡Traizón! Abandonastes o meu país cando ía ser cuberto de chapapote! Outro: Fostes vós, que só sabedes enfariñalo e nunca soubestes defendelo. Chegan a unha sala flamíxera. Dentro dun cofre refulxe como un Grial a Medalla de Galicia. Os dous persoeiros abalánzanse a por ela. Un: ¡Galicia, terra nosa! Con ela acadarei o poder! Outro: ¡A miña medalla. Por fin a recupero! ¿Cal dos dous conseguirá o tesouro? O misterio continúa.