Eloxio do cine

LUISA CASTRO

OPINIÓN

16 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTOU atravesando por unha etapa delicada. Todo me fai chorar. Di o camareiro do Suso que iso pásame por falta de chover. Pode que esta secura ambiental axude, pero eu non me queixo nin do tempo, que é espléndido, nin desta emoción que me ten presa desde hai uns cantos meses. Ás veces penso que me vai pasar algo moi importante dentro de moi pouco, algo que o meu corpo detecta sen que eu aínda saiba de qué se trata. Teño a impresión de que iso que me agarda debe de ser fermoso, porque estas bágoas non son de angustia nin de dolor. É coma se o meu corpo estivese espertando á vida, coma se ata agora estivese morto. Que non se preocupe o clero, que non penso substituír eu agora, divorciada de min, á miña admirada e vidente Lucía de Fátima, e que non se alarmen os ateos, que o que a min me pasa é algo moito máis terreal, e non creo que teñan que ingresarme por estes accesos nin que ninguén teña que pagar cos seus impostos os meus éxtases. Pásame sobre todo no cine, ou é que agora todas as películas son para chorar, pero non hai unha da que eu non saia feita unha madalena. O outro día fun á de Peter Pan e case me teñen que sacar da sala os meus fillos en angarellas. A eles xa os teño máis que acostumados, e xa digo que estas bágoas a min non me molestan, son coma se a primavera se estivese abrindo paso a través de min, e á saída do cine se atopas a alguén coñecido sempre podes dicir que tes un constipado. Pero eu normalmente nunca atopo a ninguén. Ás horas e os días que eu vou ó cine non van máis que adolescentes e xubilados, cos que se supón que non teño nada que ver pero cos que xa estou empezando a sentirme en conexión. Non sei onde se mete a poboación activa os sábados e os domingos, pero está claro que ó cine non van. Débelles parecer un espectáculo aburrido, cousa de plebeos, ou deben de estar descansando da súa frenética actividade durante a semana diante da televisión, o caso é que eu non lles vexo o pelo a ningún dos nosos famosos, a ningún dos nosos escritores, a ningún dos nosos intelectuais¿ e profesores¿ e reitores¿ e políticos¿ e actores¿ dos que se supón que está embutida esta cidade. Ninguén no cine, só nenos e vellos, e mais eu. O outro día atopei a Roberto Blanco Valdés. Din con el de fociños na mesma saída do cine. Ademais de saír enchoupada en pranto debín de poñerme coma un semáforo, pero tampouco lle ía escapar. Roberto alí plantado semelloume a Virxe. Total, que lle falei. E el a min. Pouca cousa nos dixemos pero mirarse á cara xa é moito, moito máis do que poidan pensar algúns: a súa moi branca, facendo honor ó seu apelido, e a miña -como temía e logo constatei no lavabo-, vermella coma unha granada. Gustaríame poder dicirlle que eu non son así de nacemento, que isto é unha etapa delicada pola que estou pasando, pero Roberto xa ía Área Central abaixo coas súas fillas, e non era necesario. Abonda con iso, con atopar a alguén á saída do cine, despois dunha boa película, para espertar á vida.