FANÁTICOS hóuboos sempre. Pero, por sorte, non sempre estiveron no poder. Cando un pensaba con optimismo que Hitler e os demáis fanáticos do seu tempo eran cousas do pasado, xorden aquí e acolá, en Europa e fóra dela, novos fanáticos, ideoloxías de anovado fanatismo e políticos do mesmo signo. Moi preocupante é que o novo fanatismo político encabezado por Bush -el é un neocons convencido e practicante- sexa un fanatismo pailán. Non é o fanatismo que se alimentou do pensamento de Hegel e de Carl Schmitt, senón que bebeu principalmente na Biblia, en Allen Bloom ou Perle e, cando máis, en Leo Strauss. O fanatismo é sempre moi perigoso. Pero se os seus alicerces ideolóxicos son tan pobres e facareños coma son os dos neocons , os fanáticos convértense en xente allea a toda capacidade crítica e, á par, en homes de fe. Son xente que cre moito en todo. E teñen a honra non dubidar do que cren. De aí o medo que nos dan con tanto poder ao seu dispor.