é o título da nova novela de Carme Riera, unha obra moi interesante para calquer lector e fascinante para os novelistas polas claves que contén para entender o misterioso proceso da creación literaria. Parte dun feito real, transformado pola fantasía da autora. Conta Carme na presentación da novela que un día estaba firmando nunha feira do libro ao lado de Victoria Prego cando apareceu un individuo que, dirixíndose á periodista, lle entregou unha caperta chea de cartas. Victoria Prego botou unha ollada e exclamou sorprendida: «¡Esa é a letra de meu pai!». Carme Riera saiu entón da caseta para respectar a intimidade da súa colega, pero a partir dese momento o episodio comezou a dar voltas na súa cabeza ata organizarse nunha complexa trama que é La mitad del alma : unha escritora recibe unha carpeta con cartas de súa nai polas que descubre que esta mantivo relacións amorosas, das que ela é o froito, cun dos personaxes máis relevantes da cultura europea de mediados do século XX. Non vou caer no erro de revelarlles o nome do pai, como fixo o crítico de Abc , que equivale a revelar o nome do asasino dunha novela policíaca. O progresivo e maxistral desvelamento da personalidade dese pai descoñecido é un dos atractivos da obra e non se debe privar ao lector dese pracer. Outro é asomarse, a través da personalidade da narradora, moi ben delineada, a complexos problemas universais: á busca da propia identidade, á perda da figura paterna e ás complexas relacións entre entre nai e filla. Neste caso, a confrontación entre a nai guapa e pouco garimosa e a filla fea, que vai descubrindo a doble vida daquela nai tan admirada. O terceiro pracer, para min o máis apaixoante, son as relacións entre vida e literatura. «Se isto fose unha novela...», di de vez en cando, e desdobra os feitos nunha dobre realidade: a congruente da creación literaria e a caótica e impredicible da vida. En resume: unha excelente novela da que todo bo lector poderá disfrutar.