CANDO BONO e Rosa Díez -a diferencia de Peces Barba e Pilar Manjón- quixeron ir entre o público da manifestación de Madrid -non sei en que pensaban buscando ser fotografados tanquilamente entre aquela multitude- descubriron que a extrema dereita existe e que acababan de dar con ela. Non son unha minoría, e esa é a mágoa, senón un sector fundamental da dereita española. Tense valorado muito que Fraga primeiro e o PP despois integrasen á extrema dereita na democracia, xibarizando á que quedaba fóra do ámbito do Partido Popular, pero é evidente que non fixeron o labor pedagóxico que a democracia esixía. A integración foi máis formal que real e non era necesario este incidente, nin volver escoitar aquilo de «España una y no cincuenta y una», para sabelo. A unidade de España foi o único programa que lle quedou á extrema dereita e a el foron convocados -con éxito- por Aznar e os seus muchachos, para xuntar o voto necesario fronte á esquerda e os nacionalistas. O que, combinado coa tecnocracia apolítica e neoliberal, constituíu un poderoso instrumento co que gañar dúas eleccións e perder as últimas con 10 millóns de gorentosos votos. Os extremistas son muitos pero non son maioría na base sociolóxica do PP, pese a que na última década os restos liberais e democristianos da UCD se viron fagocitados por unha dirección que fixo do unitarismo español o seu grande programa, animados por un potente coro mediático e mesmo en ocasións coa axuda inestimabel do PSOE, en Euskadi ou en Extremadura. E non unha España calquera. Non a de Azaña que deixara de ser oficialmente católica, non a de Pi i Margall que quería ser federal. Senón a de Isabel a Católica -podendo ser sen Fernando-, a España eterna e imperial que existe dende hai dous mil anos, segúndo Federico Jiménez y San Josémaría Pemán. Esa idea de España eterna e católica, unida nun único idioma está certamente en perigo e de aí a virulencia dos manifestantes. Non é compatibel cunha inmigración que fai do Estado español un espazo multicultural, multirrelixioso e multirracial. Tampouco coas autonomías na versión actual e muito menos naquela á que aspiramos cataláns, vascos e galegos pola vía da reforma dos Estatutos e do establecemento dun novo pacto constitucional que asuma a realidade plurinacional e plurilingüistica do Estado. Non poden imaxinar que un galegofalante poida ter os mesmos dereitos lingüisticos que un salmantino en todo o Estado. O Plano Ibarretxe ponos tan nervosos como o posibel fin dunha ETA que os deixaría sen argumentos e que xa muitas veces houbo de desaparecer. Reforzados políticamente e alentados por algúns medios, o mesmo insultan a Bono que se agarran aos papeis do Arquivo de Salamanca como se fose a Sábana Santa de Turín. Naquela multitude non só se agredía aos socialistas e se poñía na picota verbal aos nacionalistas senón que ademais se aclamaba a Acebes. Houbo tanto de protesta como de adhesión. Aproveitando que está na oposición, que é o tempo que a democracia facilita para reubicar e rexenerar os partidos, algo tería que facer Raxoi -se sabe, pode e quere- para reorientar á dereita española por camiños máis modernos.