Unha nova encrucillada

OPINIÓN

22 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A DIFERENCIA entre a fórmula Maragall e a fórmula Ibarretxe é bastante evidente, cando menos nos seus puntos de partida, xa veremos logo como queda o texto final da proposta catalana. Ibarretxe, condicionado sen dúbida pola presencia de ETA, que desestabiliza dende hai anos calquera iniciativa democrática, instalouse na confrontación: nacionalistas contra non nacionalistas, nunha sociedade dividida e desestructurada. Ese é o seu principal punto fraco. Moito máis que a proposta en si mesma. Ese é o principal problema do País Vasco: a imposibilidade, cando menos nestes momentos, de artellar un espazo común de diálogo e entendemento para presentar, segundo os pasos establecidos na Constitución (as regras do xogo), un horizonte posible, ou polo menos discutible, no conxunto da sociedade española. ¿Como defender un modelo de novo estatuto ou nova relación de Euskadi dentro do Estado, por ben intencionada que sexa, coa oposición declarada da metade das forzas políticas (e dos votos) da sociedade á que pretende dirixirse? Irremediablemente, a vía do lehendakari está condenada ao fracaso. A fórmula catalana, de raíz federalista, parte do principio contrario: consenso no espazo catalán para elaborar un texto suficientemente apoiado que permita a súa defensa inequívoca no Parlamento de España. O seu principal problema é o socio nacionalista, Esquerra Republicana, que deberá entendelo (e aceptalo) así, a risco de perder o protagonismo e mesmo a forza cualitativa dos seus votos, no caso de que a proposta vaia adiante. Nas súas declaracións públicas, Carod Rovira vai máis alá, non disimula o seu independentismo, e o éxito pragmático do PSC, no caso de que se produza, podería deixalo nun segundo plano. Unha vez máis, os intereses inmediatos de partido (intereses electorais) poden condicionar, e estragar, a liña de actuación que se apunta. Pasqual Maragall, que ha de facer fronte a non poucas desconfianzas dentro do PSOE, xoga no marco da vella tradición catalanista: o pacto. Só dende o pacto, que implica tamén negociación: a construcción dun modelo posible (aquí e agora), só dende o pacto, digo, cabe pensar nunha proposta viable. Ibarretxe, condicionado pola violencia e pola propia historia do proceso vasco, instalouse na confrontación, onde a negociación non é posible, porque tampouco é posible o diálogo. Ao final, a súa propopsta é un calexón sen saída, e no fondo sábeo. ¿E o modelo galego? ¿Haberá realmente un modelo galego? De entrada, polas declaracións de Anxo Quintana, o BNG parece que intenta o modelo catalán, pero sen a forza dos votos do PSC. O PsdeG-PSOE, atendendo tamén ás declaracións dos seus dirixentes, non semella que vaia xogar a iso. O PP de Fraga, que durante a lexislatura Aznar consentiu abaixamentos e ninguneos que agora quixera corrixir, bate aquí e bate alá sen demasiado concerto nin horizonte definido.Máis ben estamos parados. Lembremos a historia recente (sen necesidade de recuar cara á Segunda Republica, onde tamén se producíu unha situación parecida). Na transición política, cando se discutían os Estatutos de Autonomía, un sector importante do PSOE (Alfonso Guerra) e da UCD (Pérez Llorca) pactaran un texto de segundo nivel para Galicia, precisamente coa idea de reducir as demandas de autogoberno a Cataluña e Euskadi. A nosa condición de nacionalidade histórica servía de argumento para xustificar o frenazo, que era un «peche a brancas» en toda regra. Foron os días da «aldraxe», coas forzas politicas todas na rúa (PSOE e UCD galegos tamén) e declaracións da sociedade civil e dos persoeiros da cultura (Realidade Galega). ¿Estamos nas mesmas? ¿Debemos interpretar así posibles acordos na Moncloa, co consentemento dos que aquí nos representan? ¿Teremos forzas (e iniciativa política) para non perder desta vez o carro dos acontecementos?