19 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

AFIRMA Amenábar que Mar adentro é unha película humilde. ¿Humilde? Non coñezo na historia do cine español unha cinta máis publicitada, promocionada, mediatizada. Á súa presentación acudiu Zapatero e levou con el, colgado dos ollos, o seu plausible talante. Imaxino que era unha mostra de apoio ao audiovisual hispano, por rojo, por antiaznar, por noalaguerra. ¿Humilde? Humilde é o cineasta que carece de medios e filma os seus soños con cámara de vídeo, o que estrena e non recibe o parabén institucional, o que protesta e está exluído (polos de antes, polos de agora), o que non entende este correccionismo bobalicón: o que non pode aplaudir a obviedade, a entrevista de Imanol Arias colegueando con Wyoming, o estravagario de Rioyo de tertulia con amiguetes, a cultureta hispana de medio pelo e aplauso fácil. Humilde é o que se pelexa coa arte cada día, no fracaso, na certeza de Pessoa: Levo comigo a conciencia da derrota como un pendón de victoria. Humilde é o que persevera. O que continúa na periferia (cos de antes, cos de agora) porque pensa que só a periferia e a independencia son propias do artista. Y eso sí que es humildad. Lo demás, admirado Amenábar, es sólo palabrería. Humilde... palabrería.